
Abanca, a través de Afundación, ten programadas novas actividades formativas para garantir unha cidadanía máis preparada de cara ao uso das novas tecnoloxías. A axenda Igualdade Dixital inclúe 263 sesións en 11 localidades galegas entre outubro e maio cunha duración de entre 30 minutos e hora e media.
Haberá encontros presenciais ou en liña sobre o emprego de ferramentas como ChatGPT, Bizum, a plataforma Cl@ve, Google Lens ou a ciberseguridade.
1.800 persoas dende abril

Dende o seu lanzamento en abril, máis de 1.800 persoas participaron no que vai de ano no programa impulsado por Afundación no marco dos seus Espazos +60 conformado por obradoiros gratuítos abertos a toda a cidadanía.
Combinando o acompañamento personalizado e unha plataforma en liña (aula virtual), Igualdade Dixital permite aprender desde o nivel máis básico ata contidos avanzados de xeito gratuíto. As accións presenciais están especialmente dirixidas ás persoas que teñen maiores dificultades de acceso á tecnoloxía e necesitan unha figura de confianza que as guíe, segundo informou Afundación, engadindo que o programa aborda de xeito práctico as principais ferramentas dixitais do día a día, “dende o uso e configuración de teléfonos móbiles e smartphones, á xestión de conectividade, ciberseguridade e navegación segura, máis tamén o acceso a servizos bancarios dixitais mediante a aplicación móbil de Abanca, o manexo de caixeiros automáticos 24h ou o envío de diñeiro con Bizum”.
Así mesmo, capacita nos trámites coas administracións públicas por Internet, como a solicitude de cita médica no SERGAS, o uso da plataforma Cl@ve, certificado dixital, DNIe e xestións coa DXT, IRPF ou concellos.
Tamén no manexo de aplicacións de comunicación como WhatsApp e correo electrónico en Gmail. Por último, inclúe o adestramento en redes sociais (Instagram, Facebook, TikTok), e servizos útiles como Google Maps, Google Photos, lector de códigos QR ou Google Lens, xunto cunha introdución ás novas tecnoloxías e a intelixencia artificial mediante ChatGPT.
Igualdade Dixital é unha iniciativa pensada tanto para a autoformación como para servir de apoio a proxectos formativos, e para o seu uso por formadores ou mentores dixitais.
A web do programa ofrece obradoiros interactivos, guías para descargar, vídeos formativos e exercicios prácticos.
“A plataforma, que se pode usar gratuitamente previo rexistro, facilita unha aprendizaxe autónoma e intuitiva, con seguimento dos avances e un test de competencias iniciais para orientar no itinerario”, informou Abanca.
Espazos +60 Afundación

A iniciativa ten lugar no marco dos Espazos +60 de Afundación, Obra Social Abanca, que artella unha rede de centros e un programa integral enfocado ás persoas maiores e á lonxevidade activa. O propósito principal é “promover o benestar, a aprendizaxe permanente e a autonomía, combatendo o idadismo e a soidade non desexada a través da creación de comunidade, a participación social e o envellecemento saudable”.
Abanca lembra que “as persoas maiores empregan cada vez máis con máis frecuencia, e cada vez con máis competencias, as tecnoloxías dixitais, pero mesmo na franxa de idade de persoas con maiores competencias segue habendo unha importante fenda en uso e coñecementos con respecto ás xeracións posteriores”.
Con Igualdade Dixital, Afundación quere avanzar no cumprimento dun dos obxectivos do seu Plan Estratéxico: apoiar o acceso das persoas maiores ao coñecemento e os servizos dixitais.

