
Google permite aos usuarios retirar as marcas de auga visibles que identifican as imaxes e vídeos xerados mediante intelixencia artificial, medida que afecta inicialmente aos modelos Nano Banana, Omni e Lyria, que empregan a característica icona de faísca para sinalar este tipo de contidos, e chega a Gemini e ao editor de vídeo Flow.
A opción esta dispoñible mediante un interruptor que permitirá ocultar estas marcas de auga. Con todo, Google mantén os mecanismos de identificación que funcionan de maneira invisible. Tanto SynthID como os metadatos C2PA seguirán incorporados aos contidos e non haberá opción para desactivalos.
A diferenza das marcas visibles, estes sistemas non permiten identificar inmediatamente un contido xerado con IA. Para comprobar a súa procedencia é necesario recorrer a ferramentas específicas, como consultar un chatbot ou cargar o arquivo nun servizo capaz de analizar a súa autenticidade.
A retirada das marcas visibles terá unha excepción nos países onde a súa utilización sexa obrigatoria por lei, o que supostamente sería o caso da Unión Europea, onde as novas normas sobre transparencia no uso da intelixencia artificial esixen marcas visibles nos contidos de aspecto realista xerados ou manipulados mediante IA, aínda que no momento de escribir estas liñas Google estaría a ignorar tal indicación, como tamén fan outros sistemas de creación de imaxes con IA xenerativa como o integrado en ChatGPT.
A decisión introduce así unha distinción entre a identificación inmediata dos contidos e os sistemas destinados a verificar posteriormente a súa procedencia. As marcas visibles facilitan que calquera usuario poida detectar rapidamente un contido xerado artificialmente, mentres que a súa eliminación ofrece maior liberdade a quen emprega estas ferramentas con fins creativos.

