
O equipo de integrantes de Pontevedracf.net vén de crear unha ferramenta móbil deseñada para que os seareiros do fútbol poidan rexistrar as súas viaxes, coleccionar estadios visitados e gardar o seu historial seguindo ao seu equipo.
Trátase de EstadioDEX, unha aplicación nada en Pontevedra que tamén permite rexistrar estadios e desprazamentos, facer check-in (co obxectivo de achegar apoios en directo), conseguir puntos e insignias e consultar estatísticas como afeccionado. Dende Pontevedracf.net explican que EstadioDEX permítenos “gardar cada viaxe de fútbol e convertelas nunha colección persoal”.
A aplicación xa cobre 82 clubs das tres primeiras categorías do fútbol español e funciona como PWA en móbil e escritorio. Deste xeito, ao ter formato PWA (sen tendas), non necesita ser descargada desde Google Play nin App Store: posibilita un acceso directo dende o navegador web na súa ligazón oficial e pódese engadir á pantalla de inicio do móbil como unha app nativa
Foi concibida especialmente para “quen vive o fútbol tamén na estrada”, explican os seus desenvolvedores, engadindo que xa está dispoñible en liña para ser probada e, por suposto, para ser instalada tamén.

