
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 18.157 consultas, cunha media de 100 ao día. Ademais, tramitou 9.906 reclamacións (55 diarias), realizou 1.444 arbitraxes e abriu 668 expedientes sancionadores por un importe total de 10,8 millóns de euros.
As consultas relacionadas coas telecomunicacións ocuparon o primeiro lugar, con 4.091, máis do 22,5 % do total. A continuación situáronse as relativas á enerxía, con 3.165 (máis do 17,4 %), mentres que tamén destacaron as consultas sobre o sector financeiro, con 1.926, e o electrónico, con 1.791.
Nas reclamacións, as telecomunicacións concentraron preto do 14,8 % do total, con 1.463. Séguenas as relacionadas coa enerxía, que acadaron as 1.444 e representan case o 14,6 %.
Entre os expedientes sancionadores en materia de consumo abertos durante os primeiros seis meses do ano, o sector da automoción foi o que rexistrou un maior número, con 73 expedientes por un valor superior aos 4,9 millóns de euros. A continuación situouse o sector da electricidade e a enerxía.
A Escola Galega de Consumo formou durante o primeiro semestre preto de 30.000 persoas de todas as idades, en resposta ás demandas dos consumidores e á evolución do mercado.
O Laboratorio de Consumo de Galicia, pola súa banda, remitiu case medio cento de alertas sobre produtos inseguros. Trátase do único laboratorio público oficial acreditado pola ENAC nesta materia (entidade que avala a competencia técnica en certificación e inspección) e dun referente estatal no control e na comunicación de alertas relacionadas co consumo.

