
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de resolver as convocatorias dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova, que permitirán conceder preto de 15 millóns de euros (14,79 millóns de euros) en axudas directas á innovación empresarial a 539 empresas galegas.
As tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación, acompañando as empresas desde as primeiras fases de definición dos proxectos ata o desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos e a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
As convocatorias están enmarcadas na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a innovación como un dos piares da política industrial da Xunta para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico. A elevada execución dos orzamentos evidencia tamén o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación e a transformación tecnolóxica.
Un apoio adaptado ás distintas fases da innovación
Os tres programas responden a necesidades diferentes e permiten artellar un itinerario completo de apoio aos proxectos innovadores.
Ticket Innova facilita ás pemes o acceso a servizos especializados, como estudos de viabilidade tecnolóxica, vixilancia tecnolóxica, deseño industrial, protección da propiedade industrial, transformación dixital, intelixencia artificial ou ciberseguridade, entre outros. Nesta convocatoria concedéronse 66 axudas por importe de 1 millón de euros.
Igape Innova apoia proxectos destinados ao desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos, á incorporación de novas tecnoloxías e á mellora da competitividade empresarial. Nesta convocatoria concedéronse 3,97 millóns de euros para financiar 40 proxectos.
IA360 impulsa a incorporación da intelixencia artificial nas empresas, tanto mediante o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas como a través da implantación de ferramentas xa dispoñibles no mercado. Nesta convocatoria apoiaranse 97 proxectos cun investimento público de 10 millóns de euros: 43 corresponden ao desenvolvemento tecnolóxico e 54 á implantación de solucións de IA. A redistribución do crédito permitiu aumentar o número de proxectos financiados na modalidade de desenvolvemento tecnolóxico.
Innovación para mellorar a competitividade
As convocatorias permiten ao Igape consolidar unha oferta de instrumentos que acompaña as empresas ao longo de todo o proceso innovador, desde a definición das súas estratexias ata o desenvolvemento tecnolóxico e a implantación de solucións avanzadas.
A iniciativa intégrase na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a coordinación das políticas públicas de innovación e a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos co obxectivo de consolidar un tecido empresarial máis innovador, competitivo e xerador de valor.

