
O pasado decembro Micron Technology anunciou a súa decisión de abandonar o negocio de consumo asociado á marca Crucial, o que supuxo a retirada da compañía do mercado minorista de memorias e almacenamento, dicindo adeus a preto de tres décadas de presenza desta marca en tendas de todo o mundo.
Con este movemento a compañía buscaba centrarse na produción de memorias para mercados profesionais, moito máis rendibles economicamente, aínda que asegurando que mantería o servizo de garantía e soporte técnico para todos os produtos xa vendidos, o que parece que non están a respectar, se atendemos a denuncias dos usuarios.
Como exemplo temos o caso dun usuario alemán de Reddit, quen asegura que o seu SSD externo Crucial X10 Pro de 4 TB deixou de funcionar cando aínda estaba no que debería ser o 1 % do seu ciclo de vida, polo que contactou co servizo técnico e, en vez de reparar a unidade ou ofrecerlle unha unidade de substitución, a única opción que se lle daba era a devolución dos 230 euros que pagou no seu día, cando actualmente a unidade ten un prezo de 410 euros, de aí que o usuario non estea satisfeito coa solución.
Ao parecer, dende Crucial escúdanse no feito de que Micron xa non fabrica unidades SSD nos formatos de consumo, polo que non poden subministrar unidades de substitución. Son varios os usuarios que apuntan que Crucial só está a ofrecer a devolución dos cartos ante fallos dos seus produtos, algo que no actual mercado de prezos á alza non resulta satisfactorio, e que algúns consideran que non respecta o espírito dos termos de garantía, pero é completamente legal (os fabricantes non son responsables da alza de prezos).

