
As necesidades concretas no ámbito educativo(ordenadores, material escolar, material deportivo…) que poden quedar fóra das grandes convocatorias de axudas poderán poderán transformarse en campañas solidarias a través da Fundación TokApp Impulsa, entidade con sede en Vigo, que nace da transformación da Fundación Lingoreta, creada en 2024 e vinculada inicialmente ao acompañamento de nenos, nenas e familias.
A nova etapa amplía a súa actividade aos ámbitos da educación, a redución da fenda dixital, o benestar emocional, a mellora dos espazos educativos e o desenvolvemento do talento, coa igualdade de oportunidades como eixo común.
O funcionamento da Fundación parte das necesidades detectadas polos propios colexios, AMPA, asociacións e clubs, e non de iniciativas definidas pola propia entidade. Un centro ou colectivo pode trasladar unha situación concreta da súa comunidade e, tras estudar a proposta e comprobar que encaixa cos seus fins, a Fundación pode convertela nunha campaña cun obxectivo económico definido e un destino concreto para os fondos.
A difusión das campañas apoiarase na rede educativa de TokApp Online, plataforma galega de comunicación entre centros educativos e familias presente en máis de 12 países e conectada con miles de colexios, asociacións e institucións. A través das súas canles, as iniciativas poderán chegar a familias, empresas e colaboradores interesados en contribuír á súa resolución.
Cada campaña contará cun obxectivo económico determinado e permitirá coñecer o destino dos fondos recadados. Os resultados serán obxecto de seguimento e rendición de contas, co propósito de manter unha relación directa entre a necesidade formulada, a mobilización da comunidade e a resposta conseguida.
«Queremos que a Fundación sexa unha ferramenta ao servizo das propias comunidades. Que unha institución poida dicirnos ‘temos esta necesidade’ e que poidamos convertela nunha campaña, mobilizar o seu entorno e transformar esa mobilización nunha oportunidade real», explica Javier Romero, director xeral de Fundación TokApp Impulsa.
A infraestrutura tecnolóxica e a rede educativa de TokApp Online permitirán desenvolver progresivamente as campañas, bolsas e programas en distintos territorios. A intención é adaptar as iniciativas á realidade social, educativa e xurídica de cada país e crear unha rede internacional de solidariedade arredor da educación, conectando centros, familias, empresas e doantes.
Os colexios, AMPA, asociacións, clubs e outras entidades que detecten unha necesidade na súa comunidade poderán trasladala á Fundación a través dos datos de contacto habilitados pola entidade. Cada proposta será estudada de maneira individual.
