
Google anunciou novas funcións de personalización para o seu buscador, Discover e Google News que permiten aos usuarios seleccionar fontes preferidas (avanzando na liña que iniciaran en España en abril), axustar con maior precisión os contidos que aparecen no feed de Discover e configurar as súas sesións informativas de audio.
A principal novidade é o botón interactivo Fontes favoritas, que os editores poden incorporar ás súas páxinas. Ao premer nel, o usuario engade ese sitio como fonte preferida en Google e regresa inmediatamente á páxina na que estaba. As fontes seleccionadas poderán ter maior presenza nas Noticias destacas, nas Escolmas por IA e no Modo IA. Google sinala que xa foron seleccionadas máis de 600.000 fontes diferentes.
Discover tamén permitirá expresar directamente as preferencias sobre os contidos que aparecen no feed. Nos vindeiros días, os usuarios da aplicación de Google poderán empregar o menú de tres puntos dunha publicación para indicar, coas súas propias palabras, que temas ou ligazóns queren ver con maior ou menor frecuencia. O sistema adaptará o feed en tempo real e lembrará esas indicacións para axustar posteriormente as recomendacións.
Google News incorpora pola súa parte novas opcións para personalizar as sesións informativas de audio na aplicación para Android. Será posible seleccionar temas concretos e consultar a atribución das fontes, así como acceder ás noticias completas. A integración con editores participantes no programa piloto de IA para noticias permitirá tamén ofrecer análises máis extensas sobre determinadas historias.
As novas funcións forman parte da estratexia de Google para dar aos usuarios un maior control sobre os contidos que reciben e, ao mesmo tempo, facilitar que os medios manteñan unha relación máis directa coa súa audiencia.
