
Mark Gurman asegura a través de Bloomberg que os AirPods equipados con cámaras que Apple está desenvolvendo manteñen o seu lanzamento previsto para 2027, malia a recente filtración dun vídeo que mostraba o funcionamento do dispositivo. O produto estaba inicialmente previsto para este ano e chegou a entrar nunha fase avanzada de probas con empregados de Apple durante a primavera, pero diversos problemas relacionados coa cadea de subministración e co software obrigaron a atrasar os plans.
A filtración produciuse esta semana a través dunha versión para desenvolvedores dunha actualización de macOS que incluía referencias a varios futuros produtos de Apple, entre elas un vídeo no que aparecían os AirPods con cámaras. A aparición do material, pouco antes do tradicional evento de presentación do iPhone de setembro, provocou especulacións sobre un posible anuncio inminente.
O dispositivo utilizará Visual Intelligence, a función de Apple que recorre ás cámaras para analizar elementos do mundo real e executar accións a partir da información obtida. As fontes consultadas por Bloomberg sinalan que os sensores serán de baixa resolución e non estarán deseñados para facer fotografías ou gravar vídeo. O seu propósito será escanear o contorno e achegar información contextual a Siri e a outras ferramentas de intelixencia artificial.
O uso de cámaras nun dispositivo que se leva nas orellas xerou preocupacións relacionadas coa privacidade nas redes sociais, especialmente pola posibilidade percibida de gravar ou fotografar outras persoas sen que o saiban. Apple estaría tendo en conta estas cuestións durante o desenvolvemento para evitar problemas similares aos que afectaron ás lentes intelixentes de Meta.
O proxecto desenvolveuse en dúas variantes. A B790, que figuraba na folla de ruta para 2026 ata hai pouco, parte dos AirPods Pro 3 e incorpora os sensores e as capacidades de intelixencia artificial. É a versión que aparece no vídeo filtrado. A segunda, identificada como B798, corresponde a unha nova xeración dos AirPods Pro que tamén integra as cámaras.
O atraso sitúa os AirPods con cámaras nun 2027 no que Apple prepara unha importante expansión da súa gama de dispositivos baseados en intelixencia artificial. Nese mesmo período está previsto o lanzamento das primeiras lentes con IA da marca e tamén se estaría desenvolvendo un dispositivo con cámara para levar no pescozo ou na roupa.
Entre os vindeiros produtos que Gurman asegura que prepara Apple para os vindeiros meses estarían o primeiro iPhone encartable, unha pantalla para o fogar orientada á nova Siri con capacidades de IA, un MacBook con pantalla táctil, unha cámara de seguridade para o fogar, unha versión da pantalla para o fogar cun brazo robótico, un novo Apple TV e unha actualización do HomePod mini. A estes produtos sumaríanse novos Mac con procesadores máis rápidos e novos iPad.

