
O mercado europeo de smartphones rexistrou no segundo trimestre de 2026 o peor resultado para este período dos últimos tres anos, con 35 millóns de unidades enviadas, un 10 % menos que no mesmo trimestre de 2025, segundo Counterpoint Research.
O incremento dos custos dos compoñentes provocou unha suba dos prezos finais dos dispositivos e unha redución das promocións, xa que os fabricantes buscaron protexer as súas marxes. A esta situación sumouse un escenario macroeconómico desfavorable, agravado pola guerra de Irán e a repunta da inflación, que freou a demanda dos consumidores fronte ao mesmo período do ano anterior.
A evolución foi desigual entre as distintas zonas da rexión. Europa Occidental tivo un comportamento mellor do esperado grazas especialmente a Apple, que asinou un trimestre moi positivo, e a Samsung, que conseguiu un lixeiro crecemento. Ambas beneficiáronse da tendencia cara aos smartphones de gama alta, que continúan gañando peso no mercado.
Europa Oriental sufriu, pola contra, un descenso máis acusado. A maior dependencia dos dispositivos de gama baixa e a presión sobre os segmentos máis económicos afectaron especialmente aos fabricantes chineses, que experimentaron dificultades para manter o ritmo do ano anterior.
Jan Stryjak, director asociado de Counterpoint Research, sinalou que o mercado europeo continúa nunha situación «moi desafiante», cunha perspectiva financeira incerta que está a levar os consumidores a adiar compras discrecionais. A menor dispoñibilidade de promocións, destinada a protexer as marxes dos fabricantes, está a contribuír tamén á caída da demanda.
As perspectivas para os vindeiros trimestres apuntan a novos descensos. O esgotamento dos inventarios en Europa podería intensificar a presión sobre o mercado, especialmente entre os fabricantes centrados nas gamas máis económicas. Apple aparece como a principal excepción e Counterpoint Research prevé que continúe superando con claridade o comportamento xeral do mercado durante os próximos meses.

