
O Congreso de Novas Investigacións en Humanidades da Universidade de Santiago chegará co inicio do novo curso á súa segunda edición, o 13 de novembro no Campus de Lugo, e farao coa vontade de “destacar proxectos do estudantado que incorporen enfoques emerxentes, transdisciplinares e innovadores”.
Ata o 30 de setembro, a organización deste foro recibe propostas relacionadas con proxectos de tese doutoral, traballos de fin de mestrado ou calquera outro tipo de investigación emerxente que estea en curso. A solicitude pode formalizarse xa en liña.
Os investigadores (e directores do congreso) Patricia Cupeiro López e Rubén Castro Redondo explican que as Humanidades e os estudos culturais “están a ampliar as súas perspectivas e a redefinir as súas metodoloxías para responder aos retos actuais na investigación”. Neste contexto, engaden, a colaboración con outras áreas de coñecemento “abre novos espazos de diálogo arredor da incorporación dos avances tecnolóxicos e a ética profesional, a perspectiva de xénero, os enfoques interseccionais e decoloniais ou a preocupación polo cambio climático, entre outros aspectos”.
A “excelente acollida” da primeira edición, apuntan, “anima a continuar traballando nesta liña, promovendo espazos de intercambio e debate para a comunidade investigadora en formación”. Coa intención de ofrecer ao estudantado pre e postdoutoral unha visión ampla e crítica da carreira investigadora nas disciplinas do contexto das Humanidades (Historia, Xeografía, Arte, Antropoloxía, Arqueoloxía, Filosofía, Filoloxía, ou Literatura, entre outros) e das súas saídas profesionais, este congreso pretende abordar a convivencia entre saberes nas investigacións máis recentes, prestando especial atención ao desenvolvemento das Humanidades Dixitais e os usos das TIC e a intelixencia artificial, a interpretación do patrimonio en relación coa paisaxe e o territorio, ou as conexións con ámbitos profesionais como a xestión Cultural, o turismo e as industrias creativas.
As propostas enviadas non deben superar as dez liñas de extensión e incluirán ao inicio o título da proposta, entre 3-5 palabras chave entre parénteses, o nome do centro ou universidade onde se desenvolve o proxecto e o nome do director e/ou titor do proxecto. A proposta final deberá incluír introdución, obxectivos, metodoloxía e resultados ou conclusións. A aceptación de propostas comunicarase o 9 de outubro e o foro terá lugar o 13 de novembro.

