
A incorporación da intelixencia artificial (IA), a Internet das Cousas (IoT) e o big data aos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto coa despregadura da plataforma de soporte aos xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O novo modelo, desenvolvido a través do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades relacionadas coa xestión e o coñecemento do territorio, en liña coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.
O balance, elaborado polaAMTEGA, sinala que os principais avances de 2025 estiveron relacionados cos sistemas de información xeoespacial e coa Plataforma Territorio Intelixente. Durante o ano desenvolvéronse 15 novos proxectos con funcionalidades xeográficas integradas e publicáronse novos servizos de información xeográfica, que permiten almacenar, xestionar e analizar datos para avaliar riscos naturais, planificar rutas e xestionar emerxencias, infraestruturas e transporte, entre outras aplicacións.

Tamén avanzou o despregamento da plataforma de soporte aos xemelgos dixitais, con catro proxectos piloto postos en marcha no marco da iniciativa estatal das Redes de Especialización Tecnolóxica (Retech). Ademais, habilitouse un xeocatálogo destinado a facilitar a difusión interna e a gobernanza dos conxuntos de datos e servizos de información xeográfica. En 2025 procesáronse mediante este sistema 15 recursos xeoespaciais.
O Espazo de Innovación Rural Aplicada EIRA tamén iniciou a súa actividade coa colaboración da AMTEGA e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A iniciativa busca aplicar tecnoloxías intelixentes baseadas no territorio en ámbitos rurais para impulsar a recuperación de terras agrarias.
