
Os obradoiros Girl STEAM (edición 2026) impulsados polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) no marco do convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) entraron xa na súa recta final, logo da divertida (e concorrida) xornada de traballo deste luns 24 no concello de Santa Comba.
O CPETIG porá o ramo a actual edición no 3 de setembro no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia (en Más de Uno Compostela).
A xira pasou os días pasados por Santa Comba, Ortigueira, Valga e Abegondo (a semana pasada), configurando unha edición de 30 obradoiros xa realizados e máis de 300 nenos e nenas que xa puideron achegarse á robótica, á programación e á creación audiovisual.
Baixo o reto Casa Domótica Accesible, a rapazada aprende nestas sesións a deseñar espazos máis respectuosos cos recursos naturais e eficientes, e tamén libres de barreiras, poñendo a tecnoloxía ao servizo da sociedade.
A cita de Santiago (o 3 de setembro)

A sesión da Cidade da Cultura (a sesión final da actual edición) dará comezo ás 10.00 horas e estenderase ata as 14h.
Este obradoiro permitirá aos rapaces e rapazas coñecer e traballar cos principais ítems tecnolóxicos dunha casa domótica sen barreiras. Levarase a cabo o deseño dunha casa sostible e eficiente. Trátase dunha sesión para rapaces e rapazas de entre 7 e 11 anos.
A nova edición da iniciativa Girl STEAM é a nova entrega dun programa de obradoiros prácticos orientado a espertar vocacións tecnocientíficas entre a mocidade galega e contribuír a reducir a fenda de xénero nas profesións vinculadas á Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría, as Artes e as Matemáticas (siglas do termo STEAM).
En total son 30 obradoiros en 19 concellos que deron comezo o día 29 de xuño en Betanzos e Pontevedra.
As actividades desenvolvéronse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas da Rede CeMIT.
Aprender tecnoloxía desde a creatividade e a colaboración
Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Este ano traballarase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como: a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo, a colaboración e o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

