
O Concello da Coruña e a Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (CITIC da UDC) formalizaron este mes de agosto un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa tecnolóxico solidario e integrador Talentos Inclusivos, iniciativa educativa e social impulsado en Galicia polo CITIC e a asociación ASPACE Coruña e cuxo obxectivo principal é espertar vocacións científicas e tecnolóxicas (STEM) entre os mozos e mozas de secundaria e bacharelato, ao mesmo tempo que se visibiliza e se dá a coñecer a realidade da discapacidade
O convenio inclúe a achega de 10.000 euros para o desenvolvemento da dita iniciativa, achegando financiamento para as actividades que se desenvolvan ata o 31 de decembro.
Participaron na formalización do acordo Nereida María Canosa Domínguez, concelleira delegada responsable da Área de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello, e máis Antonio Rojo Álvarez, director xerente da fundación.

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións tecnolóxicas entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
