
A Deputación da Coruña puxo en marcha este mes de agosto o Servizo de Delegado/a de Protección de Datos para os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia. Esta iniciativa teno obxectivo de “apoiar os concellos máis pequenos para cumprir a normativa vixente nesta materia, cuestión que se lles fai complexa por non dispor dos medios técnicos e xurídicos necesarios”, en palabras da entidade provincial.
Só 14 de 43 concellos cumprían cos requirimentos do RXPD
No ano 2025, a Deputación fixo un diagnóstico sobre o grao de cumprimento do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes, centrado en tres requisitos básicos: a figura da persoa delegada de protección de datos (DPD), o Rexistro de Actividades de Tratamento (RAT) e a política de privacidade.
O resultado evidenciou que só 14 dos 43 concellos analizados cumprían con estes tres aspectos, polo que se detectou a necesidade de ofrecer un servizo de apoio que lles permita aos concellos avanzar na súa adecuación normativa.
Tres ámbitos esenciais
O servizo entrará en funcionamento en setembro e segundo confirmou a Deputación está aberto o período de adhesión e que terá unha duración de dous anos. Contémplanse tres aspectos esenciais para adecuarse ao RXPD: delegado/a de protección de datos, unha figura externalizada esixida no réxime e, no caso de que xa exista, farase unha asistencia ás súas funcións de supervisión, asesoramento e comunicación coa Axencia Española de Protección de Datos (AEPD); Rexistro de Actividades de Tratamento, que consistirá na elaboración (ou actualización) do rexistro esixido polo RXPD, así como soporte para a súa correcta publicación; e a política de privacidade, que abordará a creación ou actualización desta materia da entidade local e apoio á súa publicación.
O proxecto organízase en catro fases (establecemento da figura da persoa DPD, elaboración ou actualización dos RAT, elaboración ou actualización da política de privacidade e soporte á publicación) e desenvólvense de forma remota, empregando a videoconferencia para as reunións, co fin de minimizar a carga sobre o persoal municipal. A cada concello asignaráselle unha persoa consultora xurídica de referencia, responsable da execución dos traballos e das relacións coa entidade.

