
A Deputación de Ourense presentou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel os principais resultados do proxecto Ourense Cerca DeTI, cuxo obxectivo foi a transformación dixital do destino turístico provincial mediante unha Plataforma Intelixente de Destino (PID). En palabras da entidade provincial estamos ante unha iniciativa que vai supoñer “outro modo de entender, xestionar e proxectar o turismo na provincia”. Así se expresou na clausura do acto o presidente provincial, Luis Menor.
Con este proxecto, asegurou, “Ourense sitúase como exemplo de innovación turística, o que nos fai máis atractivos para o visitante, proporciona capacidade real para xerar impacto económico, fomentar o investimento e desestacionalizar a demanda”. Todo isto, dixo, “grazas a información en tempo real con datos fiables e valiosos sobre o nivel de ocupación, estacionalidade ou consumo”.

Menor explicou que ser un “destino turístico intelixente” significa situar á provincia na vangarda, utilizando as últimas tecnoloxías para ofrecer experiencias inmersivas e servizos personalizados ao visitante, resaltando o noso patrimonio histórico, natural e cultural.
Referiuse tamén á subvención do 100 % do custo do proxecto (1,3 millóns de euros), como recoñecemento a “un traballo rigoroso, a unha proposta sólida e a unha visión clara do futuro que queriamos para o noso territorio”. Aspectos que, destacou, “contribuíron a ser a única administración pública de Galicia en conseguir esta subvención”.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor a iniciativa da Deputación e “o constante traballo da Administración provincial na captación de fondos europeos e estatais”.
Pola súa banda, Marcos Valiño, director da Área de transparencia e Goberno Aberto, foi o encargado de dar a coñecer a figura do Afiador como holograma de referencia así como o impacto da Plataforma Intelixente de Destino en empresas, concellos e turistas. Na xornada presentáronse os beneficios que as ferramentas tecnolóxicas achegan ás administracións locais, tecido empresarial e visitantes, mostrando como a tecnoloxía, a xestión baseada en datos e a innovación dixital contribúen a mellorar a competitividade do destino, optimizar a toma de decisións e ofrecer experiencias máis personalizadas e accesibles.

Tamén explicáronse as ferramentas integradas na Plataforma Intelixente de Destino, orientadas á promoción e comercialización turística, sistemas de intelixencia turística e análise de datos, portais profesionais, cadros de mando para a xestión do destino e servizos dixitais para visitantes.
Así mesmo, mostráronse solucións orientadas a facilitar a xestión turística dos concellos. Cara o visitante, as propostas son asistentes virtuais, aplicacións dixitais, sistemas de recomendación e servizos de reserva en liña para unha experiencia máis completa, personalizada e conectada cos recursos do territorio.
Como parte do programa, deuse a coñecer o caso de uso de visitas autónomas a museos, unha iniciativa orientada á dixitalización e posta en valor dos espazos museísticos da provincia.
A solución permitirá enriquecer a visita mediante contidos dixitais e recursos interactivos, favorecendo novas formas de acceso ao patrimonio cultural e ampliando as posibilidades de difusión e coñecemento dos museos ourensáns.

