
Gradiant, centro tecnolóxico vigués de referencia en IA, telecomunicacións avanzadas, emprendemento e innovación, está a traballar na que sería primeira neurona fotónica autosostible con capacidade para operar sen necesidade de enerxía externa (ao aproveitar e reutilizar as súas propias perdas de luz para alimentar e xestionar como se comportan os seus propios compoñentes).
Ademais do seu autosuficiencia enerxética, esta neurona, que se atopa actualmente en proceso de patente, destaca polo seu carácter autónomo: pode operar sen control externo e decidir de forma independente como e onde dirixir a enerxía para poder activarse a si mesma, o que, en palabras de Gradiant, “sitúaa como un elemento clave no desenvolvemento de arquitecturas intelixentes máis avanzadas”.
Marta Castro, responsable da área de Micro-Nanoelectrónica e Fotónica de Gradiant, explica que “a diferenza da electrónica tradicional, que presenta maiores limitacións en consumo enerxético e disipación de calor, a fotónica -baseada no uso da luz para transmitir información- ofrece unha maior eficiencia”. Engade que “con todo, mesmo estes sistemas non están exentos de perdas de luz, polo que a innovación que estamos a desenvolver radica precisamente na capacidade de recoller esas perdas e reutilizalas como fonte de enerxía, logrando así un sistema autosuficiente e autosostible”.
Para a investigadora, este desenvolvemento representa un cambio de paradigma na forma de concibir os sistemas fotónicos e a súa eficiencia: “Non só reducimos o consumo, senón que transformamos o que ata o de agora se consideraba unha perda nun recurso. Isto abre novas posibilidades para deseñar sistemas máis sostibles e autónomos, especialmente en contornas onde o acceso a enerxía é limitado ou inexistente”.
Castro apunta que “este avance supón un paso relevante cara ao desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos máis eficientes e respectuosos cos recursos naturais, especialmente en ámbitos como a intelixencia artificial, cuxo adestramento e operación requiren enormes cantidades de electricidade”. Así, explica, nun contexto no que esta demanda medra máis rápido que a capacidade de subministración, “esta neurona fotónica podería contribuír a reducir de xeito significativo o consumo enerxético” e poñendo en xogo máis capacidade para procesar e operar de forma local, sen conexión exterior nin subministro enerxético, converténdose nunha solución idónea para contornas remotas ou condicións extremas, como infraestruturas illadas, dispositivos en localizacións de difícil acceso ou mesmo aplicacións no espazo”.
Un proxecto europeo de referencia
Este avance enmárcase no proxecto bLOSSom (Sustainable Photonic Systems through Autonomous Loss Harvesting), cuxo obxectivo é crear dispositivos fotónicos autosuficientes -que non dependan de fontes de enerxía externas nin de interacción exterior para operar- capaces de reducir o consumo enerxético entre 100 e 1.000 veces. Para iso, integrará tecnoloxías avanzadas de captación e xestión enerxética que permiten almacenar e redistribuír a enerxía segundo as necesidades do sistema.
bLOSSom é, ademais, o primeiro e único proxecto EIC Pathfinder Open liderado por un centro tecnolóxico galego, nunha das convocatorias máis competitivas do programa Horizonte Europa.
O consorcio está liderado por Gradiant e conta coa participación do centro de investigación CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, onda socios internacionais como F6S Innovation (Irlanda), o International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal) e o Łukasiewicz Research Network Institute of Microelectronics and Photonics (Polonia).

