
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a licitación dun contrato para implantar un sistema de automatización baseado en robótica e intelixencia artificial destinado a aquelas tarefas municipais de carácter repetitivo que actualmente xeran unha importante carga de traballo.
Segundo explicou o rexedor, o sistema permitirá identificar e ordenar automaticamente estas xestións e remitilas directamente á área do Concello á que correspondan, evitando que os empregados teñan que realizar manualmente este proceso de clasificación.
“Queremos que, no momento de conectar o ordenador, o robot e a intelixencia artificial xa ordenen e determinen a onde ten que ir cada tarefa”, explicou o alcalde.
Abel Caballero destacou tamén que a medida permitirá aforrar tempo de traballo e mellorar a eficiencia da administración municipal, ao tempo que os propios empregados públicos recibirán formación para aprender a utilizar o novo software e incorporar “os novos e modernos sistemas de robótica e IA no Concello”.

