
Volve logo do descanso estival a campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes dá túa terra. A iniciativa regresa este venres 28 de agosto cunha parada en Quiroga (Lugo) programada a partir das 19.00 na Casa da Cultura. Esta actividade está organizada polas concellerías de Cultura e Dinamización Lingüística do concello quirogués.
Esta é unha das sete charlas que restan da campaña 2026 e que se impartirán ata o mes de novembro. A cita están convocadas todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse a este gran proxecto colectivo de conservación dos nomes do territorio a través da plataforma Galicia Nomeada.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera Castro e o concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes, serán os encargados de presentar o evento e tamén ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto tecnolóxico Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG.
Dende o Concello explican que “a visita ao concello do programa Toponímízate era moi necesaria, pois Quiroga é o quinto municipio galego en superficie con máis de 300 quilómetros cadrados”, e, engaden, “se temos en conta a densidade media de topónimos no territorio galego, uns 50 por cada quilómetro cadrado, deben existir arredor de 15.000 nomes de leiras, camiños, fontes, penedos, regos…”.
Dende o Consistorio apuntan tamén que “neste momento só hai recollidos no territorio do concello quirogués uns 400 topónimos que se poden consultar no visor da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, polo que a urxencia de recoller os nomes das terras e dos monte antes de que se perdan é maior”.

O principal obxectivo desta charla de Toponimízate será conseguir que a veciñanza de Quiroga se implique na recollida dos microtopónimos das súas aldeas a través da aplicación Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo centrará boa parte da charla en explicar minuciosamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor…
A intención é que as persoas asistentes teñan unha visión xeral de todo o que lles permite facer a aplicación e que tamén poidan saír da charla preparados para utilizala desde o primeiro momento.
As persoas asistentes coñecerán tamén as principais mudanzas que implicou a publicación do Nomenclátor de Galicia no concello de Quiroga e os argumentos que apoian estes cambios, como a inclusión do artigo na localidade chamada A Venda Nova ou a súa supresión noutra chamada Albaredos, entre outros.
Na parte final da charla explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello, comezando polo nome de todo o territorio municipal, Quiroga.
A campaña Toponimízate 2026 é unha iniciativa de charlas divulgativas impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua e a Real Academia Galega.
Baixo o lema Falámosche dos nomes da túa terra, a xira deste ano percorre un total de 12 concellos galegos entre os meses de abril e outubro co obxectivo de fomentar a recolla colectiva de microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada.

