
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que, a través dos acordos de asociación, cuxa convocatoria aínda está aberta ata o 30 de setembro, a Xunta destina un investimento público de 40 millóns de euros para promover o desenvolvemento e a fabricación en Galicia de produtos e servizos nos sectores da defensa, a seguridade e o aeroespazo.
Nunha visita ás instalacións da empresa Vig-Sec Drone, en Nigrán, Lorenzana explicou que se trata dunha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) a partir da fórmula da Compra Publica Precomercial, coa que se van financiar proxectos en fases de innovación moi avanzadas, dixo.
Engadiu que “cunha mobilización prevista de 900 millóns de euros, o obxectivo desta estratexia”, apuntou, “é potenciar o crecemento das empresas que xa operan nestes sectores e facilitar a incorporación daquelas outras que xa están traballando en tecnoloxías duais; é dicir, que poden ter aplicacións tanto de uso civil como para defensa e seguridade”.

Lorenzana puxo en valor o traballo que desenvolve Vig-Sec Drone, especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software de xestión de espazo aéreo. Unha empresa que, lembrou, “participou en aceleradoras como ViaGalicia, a BFAero e, tamén, na Aceleradora de Innovación en Defensa da OTAN”.
Vig-Sec Drone é unha empresa tecnolóxica e aeronáutica galega fundada polo militar en excedencia Rubén Gil Fontán. Ten a súa sede central no parque empresarial de Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra). A compañía destaca internacionalmente polo desenvolvemento de tecnoloxía dual (con aplicacións tanto civís como militares) e os seus contratos con organismos de alto nivel como a OTAN. Un dos seus produtos estrelas é a Suite ACRE. Trátase dun software de xestión dinámica do espazo aéreo (Área de Control Restrinxido de Emerxencias) que permite coordinar en tempo real a presenza simultánea de multitude de vehículos aéreos non tripulados, sensores e aviación tripulada (como helicópteros de rescate ou avións de combate) sen risco de colisión.
Como operadora autorizada, imparte cursos oficiais para pilotos de UAS (sistemas de aeronaves non tripuladas). Ofrece desde as titulacións básicas para as categorías Aberta e Específica (STS) ata formación avanzada en radiofonía (RTF) e cursos enfocados en misións de seguridade e emerxencias.

