
O iPhone 17 converteuse no smartphone máis vendido do mundo durante o segundo trimestre de 2026, cunha cota do 6 % das vendas globais de unidades, segundo os datos do Global Handset Model Sales Tracker de Counterpoint Research. Os iPhone 17 Pro Max e iPhone 17 Pro ocuparon a segunda e terceira posición, respectivamente.
Apple e Samsung situaron cinco modelos cada unha entre os dez smartphones máis vendidos do trimestre, que no seu conxunto representaron o 26 % das vendas mundiais. A porcentaxe é dous puntos superior á rexistrada un ano antes e a máis elevada para un segundo trimestre correspondente ao mes de xuño. O incremento prodúcese nun mercado que reduciu as vendas un 11 %, nun momento no que os fabricantes están concentrando os seus recursos en modelos premium e nos equipos con maior volume de vendas para afrontar a escaseza mundial de memoria RAM.
As vendas de iPhone creceron un 5 % interanual, con aumentos especialmente destacados na India, Xapón e os mercados de Oriente Medio e África. En Corea do Sur chegaron case a duplicarse durante o trimestre, impulsadas pola familia iPhone 17.
O modelo básico mantivo a primeira posición grazas ás melloras introducidas nesta xeración, que reduciron a distancia respecto dos modelos Pro. A demanda dos iPhone 17 Pro e 17 Pro Max tamén se mantivo elevada, favorecida polos programas de renovación, as promocións e as opcións de financiamento. O aumento xeral dos prezos dos smartphones está levando ademais parte dos consumidores cara aos segmentos de gama alta.
O iPhone 17e permitiu a Apple manter unha presenza destacada entre os dez modelos máis vendidos. O dispositivo incorpora MagSafe e máis almacenamento interno mantendo o prezo do seu predecesor, e continúa tendo unha especial aceptación en EE.UU. e Xapón, onde conta con promocións dos operadores.
O Galaxy S26 Ultra foi o Android máis vendido do trimestre e situouse tamén entre os tres primeiros da clasificación xeral. É a primeira vez que un smartphone Android de gama ultra premium encabeza as vendas de Android nun segundo trimestre. O lanzamento máis tardío da familia Galaxy S26 respecto da Galaxy S25 trasladou unha maior parte das vendas ao segundo trimestre, mentres que o S26 Ultra superou amplamente ao seu predecesor e representou máis da metade das vendas da serie.
A pantalla de privacidade, presentada como unha das primeiras deste tipo no sector, xunto coas novas funcións de intelixencia artificial, contribuíron a diferenciar o Galaxy S26 Ultra. Samsung tamén incrementou o peso dos seus modelos insignia mediante máis promocións e unha asignación de recursos orientada a compensar a caída dos ingresos derivada do aumento dos custos.
Os Galaxy A mantiveron unha presenza relevante entre os modelos máis vendidos grazas aos seus prezos, dispoñibilidade e relación entre prestacións e custo. Todos os dispositivos da familia Galaxy A presentes no top 10 ofrecen seis anos ou máis de soporte de software, unha característica cada vez máis relevante a medida que se alongan os ciclos de substitución dos smartphones.
Pode sorprender a desaparición da listaxe dos móbiles máis vendidos de Xiaomi, que no mesmo período do ano pasado tiña en 8ª posición o Redmi 14C 4G, pero cómpre sinalar que os problemas dos custos da memoria están afectar seriamente os móbiles máis económicos, facendo que xa non resulten comercialmente tan atractivos.

