
O Concello de Quiroga organiza este mes de setembro unha importante actividade tecnolóxico-creativa para a rapazada: un Campus de Robótica.
Segundo confirmaron fontes do Consistorio, aínda quedan prazas dispoñibles para anotarse, xa que o prazo de inscrición remata o luns 31 de agosto.
A actividade desenvolverase do 1 ao 7 de setembro na Casa da Cultura e o obxectivo é aproximar á cativada, con obradoiros prácticos, as vertentes máis creativas, argalleiras e participativas da tecnoloxía e da programación.
Baixo o lema Clases de Robótica para Pequenos Inventores Creativos, o campus ofrecerá unha aproximación á programación e á robótica a través “de actividades prácticas e dinámicas”, segundo confirmou o Concello, engadindo que as sesións celebraranse na Aula CeMIT emprazada na Casa da Cultura. As sesións arrincarán cada día ás 10.00 horas.
As persoas interesadas en participar poden formalizar xa a súa inscrición directamente na Casa da Cultura. As prazas son limitadas.
O Campus de Robótica conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co impulso do Concello de Quiroga.

