
A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, puxo en marcha unha nova campaña de dinamización comercial e empresarial destinada a fomentar hábitos de boa alimentación entre a cidadanía: Sabor e Saúde.
Dita campaña conta con dúas actuacións: un pasaporte que premia o consumo nos establecementos comerciais e de hostalaría e que estará ao dispor da cidadanía, de balde, desde o 1 de setembro en todos os locais adheridos á campaña; e un concurso en redes sociais, que premiará as mellores imaxes de comida saudable e vida activa no parque empresarial do Milladoiro. Durante dous meses, do 1 de setembro ao 31 de outubro, os establecementos do parque empresarial premian o consumo local.
A campaña é unha iniciativa da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, e que está subvencionada polo Concello de Ames e a Deputación da Coruña.
As empresas que apoian esta campaña son: Alimentaria Coruñesa, Auga Plus, Carpintería Márquez y Vilela, Clínica fisioterapia Laura Míguez, Gym Unit 365, Hotel B&B, Hotel Payro, La Central, Nattex Compostela, Pan de Leis, Pinturas Illfer, Rosalfrí, Segundo Rey, Técnicas constructivas de Ocio e Universo Milongas.
Calquera persoa que visite o parque empresarial do Milladoiro poderá recoller a partir do 1 de setembro o pasaporte saudable. Pódese recoller de xeito gratuíto en calquera dos locais adheridos.
O funcionamento é sinxelo: cada consumición superior a 10 euros suma un selo no teu carné. Hai que completar 10 selos de polo menos tres establecementos distintos do parque empresarial. Unha vez completado o pasaporte, pódese intercambialo por unha cea en La Central ou en Universo Milongas.
Desde a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro explican que “desde a implantación do teletraballo e das xornadas continuas nas empresas, a actividade comercial e da hostalería reduciuse de forma significativa no parque empresarial. O pasaporte busca que as persoas traballadoras descubran unha oferta comercial que, en moitos casos, teñen a poucos metros do seu posto de traballo e non coñecen”.
Concurso en Instagram e Facebook
O concurso en redes sociais (Instagram e Facebook) premiará as mellores imaxes de comida saudable e vida activa no parque empresarial do Milladoiro. Para participar abonda con darlle un Gústame á publicación do sorteo en @aepemilladoiro; mencionar a dous amigos nos comentarios; e compartir a publicación nas túas historias (isto é opcional).
Entre todas as persoas participantes sortearanse os seguintes premios:
- Un bono de 200 euros en Nattex Compostela.
- Un filtro de auga KM 0.
- Clases dirixidas en Gym Unit 365 (sortearanse 5 en cada sorteo).
- Sesións de fisioterapia en Clínica Laura Míguez (sortearanse 5 en cada sorteo).
- Unha noite de hotel no Hotel Payro.
- Unha noite de hotel no Hotel B&B.
Haberá dous sorteos: o primeiro o 28 de setembro e o segundo o 19 de outubro. Haberá 14 premios e 14 persoas premiadas en cada sorteo.

