
O proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, viaxou a Guatemala no marco do IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, recibido o pasado mes de maio.
Por segunda vez, o galardón, promovido pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Xunta de Galicia, permite que dúas persoas docentes de cada un dos proxectos gañadores coñezan sobre o terreo o traballo da cooperación galega e participen en actividades de intercambio e coñecemento da realidade local.
En representación de Talentos Inclusivos desprazáronse a Guatemala Javier Pereira e Irene Brage, que durante a experiencia tiveron tamén a oportunidade de presentar o proxecto e compartir a súa metodoloxía e experiencia nos ámbitos da innovación educativa, a inclusión e a sensibilización social.
A viaxe, desenvolvida entre os días 17 e 25 de agosto, incluíu diferentes actividades orientadas a coñecer iniciativas educativas, sociais e comunitarias e a favorecer o intercambio de experiencias. Entre elas destacou o encontro coa organización Kaqla, cunha visita ás súas instalacións, unha presentación do seu traballo e un intercambio de proxectos e metodoloxías. A xornada incluíu tamén un encontro con nenas, nenos e adolescentes participantes nos seus procesos de formación, liderado e sanación colectiva desde a cosmovisión maia.

Outro dos puntos centrais da viaxe foi Jocotán, onde a delegación visitou diferentes comunidades e unha escola da zona. Alí puideron coñecer o traballo do profesorado, as instalacións e os hortos escolares, así como diversas melloras incorporadas nos fogares co acompañamento de Mejorha, relacionadas con saneamento, cociñas ecolóxicas e enerxía.
O programa continuou no lago Atitlán, onde as persoas participantes coñeceron o traballo das mulleres artesás de Atípica, unha marca ética de roupa e complementos con sede en Guatemala, así como diferentes comunidades da zona.
Na recta final da viaxe, a delegación visitou o Centro Universitario de Oriente (CUNORI), unha unidade académica da Universidade de San Carlos de Guatemala. Durante a xornada puideron coñecer as súas instalacións, programas académicos e liñas de traballo, ademais de identificar áreas de interese común para fortalecer a cooperación e explorar futuros proxectos conxuntos. Posteriormente, a delegación trasladouse á Cidade de Guatemala, onde realizou un percorrido pola libraría Catafixia, un espazo cultural de referencia dedicado á literatura, ao pensamento crítico e á memoria histórica de Guatemala e Centroamérica.
A experiencia completouse coa participación no acto de entrega de diplomas ás monitoras e monitores voluntarios do Instituto Guatemalteco de Educación Radiofónica (IGER). No marco do proxecto Voluntariado Internacional desde o Local, a Universidade da Coruña, a través do grupo de investigación ECIGAL, desenvolveu un programa de formación dirixido ao voluntariado do IGER e centrado en estratexias participativas para acompañar aprendizaxes significativas.
Javier Pereira, responsable do proxecto Talentos Inclusivos, salientou o valor desta experiencia como “unha oportunidade para coñecer de primeira man outras realidades educativas e sociais e para establecer un diálogo entre diferentes formas de entender a educación, a participación e a inclusión”.
Destacou ademais, que a visita permite trasladar a outros contextos a experiencia acumulada por Talentos Inclusivos desde a súa posta en marcha en 2020.

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas de Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por usuarios das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Roja A Coruña.
Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.

