
O Tribunal de Distrito dos Estados Unidos para o Distrito Norte de California vén de ditar unha resolución favorable a Anthropic no litixio contra a Administración Trump pola prohibición do uso dos seus sistemas de intelixencia artificial por parte do Goberno federal e polas restricións impostas aos contratistas de defensa. A xuíza Rita F. Lin concedeulle á empresa o xuízo sumario na maior parte das súas reclamacións e conclúe que as medidas adoptadas contra Anthropic violaron a Primeira Emenda, as garantías de debido proceso e a lexislación que regula a exclusión de provedores por riscos para a cadea de subministración.
O conflito comezou a finais de febreiro, despois de que Anthropic se negase a eliminar dúas restricións de uso de Claude que consideraba fundamentais: a participación en guerras autónomas letais e a vixilancia masiva de cidadáns estadounidenses. Durante as negociacións, Anthropic aceptara eliminar a maior parte das súas limitacións de uso, pero mantivo esas dúas liñas vermellas.
O 24 de febreiro, representantes de Anthropic reuníronse co secretario de Guerra, Pete Hegseth, que segundo os feitos considerados non discutiu que os modelos da empresa fosen inseguros ou susceptibles de ser comprometidos. Hegseth cualificou Claude de «capacidades extraordinarias» e considerou «comprensibles» a preocupación de Anthropic, pero advertiu de que o Departamento de Guerra tiña outros provedores que non formularan esas limitacións. Tres días despois, Anthropic anunciou que non podía aceptar o acceso solicitado «en boa conciencia».
A resposta da Administración chegou inmediatamente. O 27 de febreiro, Donald Trump ordenou a todas as axencias federais deixar de utilizar a tecnoloxía de Anthropic, cun período de transición de seis meses. Hegseth ordenou ademais designar Anthropic como risco para a cadea de subministración da seguridade nacional e prohibiu que contratistas, provedores ou socios que traballasen co Exército estadounidense mantivesen actividades comerciais con Anthropic. A prohibición estendíase mesmo a relacións empresariais sen conexión co traballo militar.
A xuíza considera especialmente relevante a linguaxe empregada polo presidente e por Hegseth. Trump cualificou Anthropic de «COMPAÑÍA RADICAL DE ESQUERDAS E PROGRESISTA» e acusouna de tentar «FORZAR» o Departamento de Guerra, mentres Hegseth falou dunha «unha lección maxistral de arrogancia» e acusou a empresa de «postureo corporativo de virtude» e de antepoñer a «ideoloxía de Silicon Valley» ás necesidades militares.
Para o tribunal, estas declaracións non son comentarios illados senón unha evidencia directa de que a posición pública de Anthropic foi un factor determinante nas medidas adoptadas. A resolución salienta que as negociacións privadas entre ambas as partes foran prolongadas e respectuosas e que non apareceu no expediente ningunha referencia a Anthropic como posible risco para a cadea de subministración ata despois de que a disputa se fixese pública.
A Administración argumentou que o problema era de seguridade nacional e que existía o risco de que Anthropic puidese modificar ou sabotear os seus modelos unha vez despregados. Porén, a documentación presentada non achegou evidencias que explicasen como podería facelo. O tribunal destaca que Anthropic non dispón de mecanismos tecnolóxicos para acceder, modificar ou apagar os modelos unha vez despregados nos sistemas do Departamento de Guerra. Os modelos son estáticos e calquera nova versión ten que ser adestrada e sometida a probas antes do seu despregamento.
A propia resolución sinala ademais unha contradición significativa na posición gobernamental. Poucos días antes das medidas, Hegseth chegara a expor a posibilidade de aplicar a Defense Production Act para considerar Anthropic esencial para a seguridade nacional. E despois da designación como risco, o subsecretario de Guerra Emil Michael escribiulle a Anthropic dicindo que pensaba que estaban «moi preto» a alcanzar un acordo contractual. Meses despois, altos funcionarios da Casa Branca tamén mantiveron conversas sobre posibles colaboracións co novo modelo de Anthropic, Mythos, incluídos proxectos relacionados coa seguridade informática.
O tribunal considera que esas actuacións son difíciles de compatibilizar coa idea de que Anthropic representase unha ameaza intolerable para a seguridade nacional. A resolución conclúe que o Goberno non demostrou que adoptase as mesmas medidas se Anthropic non tivese expresado publicamente as súas posicións sobre o uso militar da intelixencia artificial.
A Primeira Emenda é, precisamente, un dos piares da decisión. A xuíza considera que Anthropic participou nun debate público sobre a seguridade da intelixencia artificial e os límites do seu uso militar, polo que as súas declaracións estaban protexidas constitucionalmente. O feito de que esas expresións estivesen relacionadas cunha negociación contractual non elimina esa protección.
A resolución tamén rexeita que a invocación da seguridade nacional permita ao Goberno castigar os seus críticos. O tribunal subliña que «a crítica ao Goberno atópase no propio centro do ámbito da discusión libre protexido pola Constitución» e advirte dos efectos que tería permitir que a Administración actuase contra empresas ou individuos que expresasen desacordo baseándose unicamente nunha suposta falta de confianza.
No relativo ao debido proceso, o tribunal determina que Anthropic tiña un interese protexible e que existía un risco serio de privación errónea dos seus dereitos ao ser incluída de maneira inmediata nas listas de exclusión sen unha oportunidade previa para presentar alegacións. A Administración tampouco demostrou que existise unha situación de urxencia que xustificase prescindir dese procedemento.
A resolución tamén entra no uso da figura de «risco para a cadea de subministración». A lei federal permite ao secretario excluír determinados provedores de sistemas sensibles de seguridade nacional cando exista o risco de que un adversario sabote, manipule ou subverta un sistema. Porén, o tribunal conclúe que esa autoridade non permite excluír unha empresa de todas as relacións co Goberno federal nin ordenar que todos os contratistas de defensa deixen de facer negocios con ela.
A xuíza considera, ademais, que Anthropic non encaixa na definición legal de risco para a cadea de subministración utilizada pola Administración e que o procedemento seguido presentou erros substanciais. O expediente administrativo, de feito, era especialmente reducido: a principal xustificación consistía nun memorando de só catro páxinas elaborado despois de que dúas das tres medidas cuestionadas xa fosen adoptadas. O tribunal considera que as explicacións ofrecidas non concordan coa evidencia dispoñible e que a decisión foi arbitraria e caprichosa.
As consecuencias económicas potenciais para Anthropic tamén pesaron na decisión. A empresa achegou evidencia de que, se as prohibicións se mantivesen, os ingresos procedentes de contratistas de defensa e outros clientes relacionados co Departamento de Guerra poderían caer entre un 50 % e un 100 %, cun impacto de varios miles de millóns de dólares sobre os ingresos de 2026. O tribunal tamén tivo en conta o efecto disuasorio sobre outras empresas do sector da intelixencia artificial e sobre o debate profesional arredor dos riscos da tecnoloxía.
O tribunal concede, polo tanto, o xuízo sumario a Anthropic nas reclamacións baseadas na Primeira Emenda e no debido proceso, así como nas impugnacións previstas pola Administrative Procedure Act contra a directiva de Hegseth e a designación como risco para a cadea de subministración. Tamén dá a razón a Anthropic respecto da maior parte das axencias federais que interromperan as súas relacións coa empresa.
A Administración si obtén unha vitoria parcial: a xuíza rexeita a reclamación de Anthropic baseada na separación de poderes e dá a razón ao Goberno respecto dalgunhas axencias que non participaron nas medidas ou só adoptaron actuacións interinas.
A resolución determina tamén que procede anular as medidas administrativas cuestionadas e adoptar medidas cautelares permanentes. O tribunal considera que os erros cometidos foron tanto substantivos como procedementais e que o Goberno non demostrou que a anulación das medidas supuxese un risco para a seguridade nacional. A prohibición preliminar xa levaba máis de cinco meses en vigor sen que a Administración acreditase un dano deste tipo.
A decisión do 27 de agosto non é, porén, o último paso procesual. A xuíza indica que a orde concreta sobre as medidas de reparación se emitirá por separado. Tamén rexeitou a petición do Goberno para suspender durante sete días a futura orde cautelar permanente, ao considerar que non se demostrara un prexuízo irreparable e lembrar que a Administración levaba máis de cinco meses cumprindo a orde cautelar preliminar.
