
A Comisión Europea designou ChatGPT como motor de busca en liña de moi grande tamaño (VLOSE) e Reddit e Roblox como plataformas en liña de moi grande tamaño (VLOP) no marco da Lei de Servizos Dixitais (DSA). Os tres servizos declararon contar cunha media de polo menos 45 millóns de usuarios mensuais na Unión Europea, o limiar establecido para recibir esta consideración.
A partir da notificación da designación, ChatGPT, Reddit e Roblox dispoñen de catro meses, ata xaneiro de 2027, para cumprir as obrigas adicionais que establece a DSA para os VLOP e VLOSE. Entre elas figura a avaliación e mitigación dos riscos sistémicos derivados dos seus servizos e sistemas algorítmicos, especialmente no relacionado coa difusión de contidos ilegais, os posibles efectos sobre os menores, o benestar físico e mental dos usuarios, os dereitos fundamentais, os procesos electorais e a seguridade pública.
A designación tamén outorga á Comisión Europea novas competencias de investigación sobre as funcionalidades destes servizos e, cando corresponda, sobre os sistemas relacionados. A supervisión do cumprimento da DSA realizarase en cooperación cos coordinadores de servizos dixitais dos países nos que están establecidos os servizos: Coimisiún na Meán, en Irlanda, para ChatGPT e Reddit, e a Autoridade para Consumidores e Mercados (ACM), nos Países Baixos, para Roblox.

Estas novas designacións significan que ChatGPT, Reddit e Roblox estarán agora sometidos a un maior nivel de escrutinio e responsabilidade na Unión Europea, en consonancia co seu grande impacto nos nosos cidadáns e na sociedade. Seguimos observando de preto o panorama dixital e non dubidaremos en designar calquera plataforma que cumpra o limiar para unha supervisión reforzada ao abeiro da Lei de Servizos Dixitais.
Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva para a Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia
A consideración de ChatGPT como VLOSE baséase na súa capacidade para interactuar cos usuarios e responder ás súas consultas, incluídas aquelas que implican buscas na web. Bruxelas considera que esta combinación de funcionalidades converte o servizo nunha plataforma híbrida que encaixa na definición de motor de busca en liña prevista pola DSA.
Reddit, pola súa banda, permite crear, compartir e comentar contidos dentro de comunidades organizadas por temas. Roblox combina as funcións dunha plataforma de creación e distribución de xogos coa posibilidade de que os usuarios publiquen e xoguen a contidos desenvolvidos por terceiros. Ao permitir a difusión pública de contidos creados por outros usuarios, ambos os servizos encaixan na definición de plataforma en liña da normativa europea.
As tres plataformas xa estaban sometidas ás obrigas xerais da DSA aplicables ás plataformas e aos motores de busca en liña. A nova designación incorpora agora o conxunto adicional de requisitos reservado para os servizos de maior dimensión.
Coas novas incorporacións, a Comisión Europea elevou a 28 o número de plataformas e motores de busca que designou como servizos de moi grande tamaño ao abeiro da DSA. A supervisión e aplicación da normativa repártese entre a Comisión e os coordinadores de servizos dixitais dos Estados membros.

