
O Concello da Coruña ofrecerá, no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio, unha formación gratuíta e presencial sobre como presentar ofertas para optar licitacións pública. Impartirase o vindeiro 16 de setembro, a partir das 17.00 horas.
“Os centros municipais de empresas da cidade son axentes de dinamización económica e formativa fundamentais. Cursos coma este nacen coa vocación de ampliar o abano de ferramentas para que as empresas locais, en especial as pequenas e medianas, poidan medrar e consolidárense no tecido produtivo coruñés”, valorou o concelleiro Juan Ignacio Borrego.
Os obxectivos principais desta formación son darlles a coñecer ás persoas participantes o papel da contratación pública como vía de negocio para autónomos e Pemes e proporcionar ferramentas e pautas prácticas para preparar propostas sólidas e competitivas. A relación de contidos inclúe localización e identificación da licitación, lectura útil do anuncio e dos pregos, comprobación de requisitos previos do licitador, preparación da documentación administrativa, preparación da oferta técnica, preparación da oferta económica, organización da documentación para a presentación, presentación electrónica paso a paso, revisión final e validacións antes de pechar a oferta e erros prácticos máis frecuentes na presentación de ofertas
Os únicos requisitos para poder realizar o curso son ter un ordenador portátil con JavaScript instalado e operativo e sinatura dixital habilitada.

