
A consultora tecnolóxica Vitae, referente galego e estatal en formación avanzada para profesionais do ámbito TIC, vainos achegar en outubro a segunda edición dun curso que, como boa parte dos cursos de Vitae, vai dirixido a facilitar o bo funcionamento dos equipos de desenvolvedores/as. Trátase de Python Avanzado para Axentes de IA. Terá 15 horas de duración e levarase a cabo os días 5, 7, 9, 14 e 15 de outubro de 2026.
Segundo Vitae a respecto dos obxectivos do curso, dun tempo a estas parte os modelos de linguaxe de gran escala (LLM) transformaron a maneira en que interactuamos coa información e cos sistemas informáticos, pero con todo, o verdadeiro potencial desta tecnoloxía non reside só en empregar asistentes conversacionais, senón en integrar estes modelos dentro de sistemas capaces de actuar, analizar datos e automatizar tarefas complexas.
Neste contexto xorde o concepto de axentes de intelixencia artificial, programas capaces de combinar modelos de linguaxe, datos e ferramentas externas para resolver problemas, consultar información, executar accións e xerar respostas fundamentadas.
Este curso de Vitae Consultores propón un enfoque práctico para comprender e desenvolver este tipo de sistemas utilizando Python, unha das linguaxes máis utilizadas no ecosistema da intelixencia artificial. Ao longo da formación, as persoas participantes aprenderán a deseñar e implementar axentes que poidan traballar con documentos e datos, recuperar información relevante, utilizar ferramentas externas e xerar resultados fiables.
A actividade formativa que propón Vitae pon especial atención en dous aspectos fundamentais para o uso real da IA: a fiabilidade de resultados e a optimización do custe de inferencia. Para iso introduciranse técnicas como a recuperación aumentada de información (RAG), o uso de bases de datos vectoriais, a integración de ferramentas e a implementación de mecanismos de control e validación de entradas e saídas (guardrails).
Amais, durante o curso desenvolverase progresivamente un axente funcional capaz de consultar información, analizar documentos e responder preguntas baseándose en datos reais, permitindo aos participantes comprender non só como utilizar modelos de linguaxe, senón como integralos dentro de aplicacións útiles e reutilizables. Ao finalizar a formación, os participantes adquirirían unha visión clara da arquitectura dos axentes de IA e as habilidades necesarias para comezar a desenvolver os seus propios sistemas baseados en modelos de linguaxe.
Obxectivos co curso

- Capacitar a profesionais con coñecementos básicos de Python para deseñar, desenvolver e despregar axentes de IA capaces de consultar datos, automatizar tarefas e xerar respostas fiables, utilizando arquitecturas modernas baseadas en LLM, recuperación de información (RAG) e ferramentas para programar.
- Comprender a arquitectura dun axente de IA.
- Construír un axente funcional en Python.
- Implementar sistemas de recuperación de información (RAG).
- Integrar axentes en contextos de datos reais.
- Mellorar a fiabilidade das respostas xeradas por IA.
- Optimizar o uso de modelos de linguaxe.
- Deseñar axentes que poidan reutilizarse e estenderse.
Este curso está dirixido a quen desexa aprender a construír axentes de intelixencia artificial capaces de automatizar tarefas, analizar información e resolver problemas reais na súa contorna profesional, utilizando Python e ferramentas modernas de desenvolvemento de IA.
O curso é de especial interese para as persoas que se atopan nalgún dos seguintes casos: programadores que queren incorporar capacidades de IA nas súas aplicacións; profesionais que traballan con datos e desexan aplicar IA para extraer información e automatizar a análise; perfís técnicos de empresa, tales como IT, transformación dixital, innovación, automatización de procesos; profesionais que desenvolven solucións para clientes; e calquera persoa con coñecementos básicos.
O formador encargado de impartir estes contidos será Jairo Chapela, enxeñeiro de Telecomunicación e docente. Jairo conta con ampla experiencia en docencia e formación. Ten participado en proxectos TIC de vangarda, especializándose en redes de comunicacións, servizos telemáticos e tecnoloxías da información en xeral. Conta con experiencia en enxeñería de software e redes, servizos de consultoría e asesoría tecnolóxica e en solucións TIC para pemes e organismos públicos.

