
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole puxo en marcha unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, unha iniciativa que potencia as habilidades científicas e innovadoras entre estudantes de 12 a 18 anos.
A matrícula xa está aberta e poderá realizarse ata o 30 de setembro (ou ata esgotar as prazas). Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que busca incentivar as vocacións científicas e técnicas e o espírito emprendedor entre as novas xeracións.
As Aulas Tecnópole alcanzan este ano a súa décimo sétima edición. As prazas están limitadas a 45 asistentes, por orde de inscrición. A cota mensual é de 20 euros, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
O alumnado participante trasládase unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2026 a maio de 2027. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente en programas destas características.
Éxito dos equipos de Aulas Tecnópole en certames científicos
Os rapaces e rapazas deciden os proxectos de investigación que van desenvolver ao longo do curso, apoiados polos seus docentes. Os participantes nesta experiencia, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Ademais, terán a ocasión de presentar as súas propostas en diferentes feiras e eventos científicos de ámbito autonómico ou nacional como Exporecerca Jove en Barcelona, Open Science en Cambre ou CinVigo na cidade olívica; nas que os equipos de Aulas Tecnópole adoitan obter importantes recoñecementos aos seus traballos.
Tal como se vén facendo nos últimos cursos, aproveitaranse as instalacións da Aula Newton para realizar actividades vencelladas ao ámbito aeronáutico e aeroespacial. Así, a rapazada terá a oportunidade de deseñar sondas estratósfericas, microsatélites, túneles de vento ou mesmo iniciarse na construción de drons, entre outras propostas.

