
A Xunta deu un novo paso na posta en marcha do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono de Galicia (SICLE CO2) coa adxudicación do contrato para desenvolver a súa plataforma tecnolóxica. A previsión é que a ferramenta estea operativa este mesmo ano.
O sistema funcionará como un mercado virtual no que empresas, organizacións e cidadáns poderán adquirir voluntariamente créditos xerados por proxectos que reduzan ou absorban gases de efecto invernadoiro. Entre as actividades previstas figuran a reforestación, a conservación dos montes, a acuicultura sostible e as enerxías renovables.
A plataforma permitirá poñer en contacto os promotores destes proxectos cos potenciais compradores e incorporar mecanismos para garantir a seguridade, a trazabilidade e o seguimento das operacións. Para iso, empregará intelixencia artificial, datos multisensor, imaxes satelitais, sistemas de información xeográfica e blockchain, ademais de conectarse con outros sistemas da Xunta e bases de datos oficiais.
O SICLE CO2 está concibido como unha Compra Pública Innovadora e pretende contribuír ao obxectivo de acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040. O sistema tamén busca xerar novas oportunidades de actividade e emprego nos sectores forestal, agrario e acuícola, ao tempo que fomenta a participación voluntaria de empresas e cidadáns na redución das emisións.
O Goberno galego constituíu o pasado febreiro o Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono, encargado de analizar e contribuír ao desenvolvemento do sistema e das súas metodoloxías. Este órgano xa traballa en dúas primeiras propostas: unha para certificar o almacenamento de carbono en produtos de madeira destinados á construción e outra para contabilizar as absorcións derivadas dunha xestión forestal mellorada mediante o alongamento das quendas.

