
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, participaron hoxe no Auditorio de Galicia na inauguración do XLII Congreso Nacional de Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos SEIO 2026, que se celebra na cidade do 2 ao 5 de setembro. O sábado ofrece a mesa redonda sobre Modelos, datos e sociedade: educación, empresa e cidadanía na era da IA de balde e aberta a todas as persoas interesadas.
“Estamos enormemente orgullosas de que se celebre este congreso en Santiago, no Auditorio”, manifestou a rexedora e destacou que Compostela é unha cidade universitaria dende máis de medio milenio e que a USC forma parte do ADN da capital galega, impulsando a relación entre coñecemento, coidados e transferencia ao servizo da sociedade.
Goretti Sanmartín puxo o foco na relevancia das matemáticas, que “fan importantes coidados porque contribúen a ordenar un mundo moi complexo”, e da estatística, pola súa achega de “datos absolutamente fundamentais para saber por onde guiarnos”. Nese sentido, reivindicou a relevancia dos datos estatísticos máis alá dos casos concretos para trasladar realidades coma, por exemplo, que unha de cada tres mulleres sufre unha agresión ao longo da súa vida ou que unha de cada oito o fai antes dos 18 anos.
Durante catro días, a SEIO 2026 converte Santiago de Compostela durante catro días nun punto de encontro para especialistas en Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos, reunindo investigadores, profesionais e representantes de institucións e empresas para compartir os últimos avances nestas disciplinas e debater sobre a súa contribución aos principais retos da sociedade actual.
No acto de inauguración participaron tamén Alejandro Saavedra e María José Ginzo, presidentes do comité organizador; Manuel Febrero, presidente do comité científico; Xoán Ramón Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Juan Carlos Reboredo, director do Instituto Galego de Estatística (IGE); Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN); María Dolores Martínez, presidenta da SEIO; e Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela.
Mesa redonda sobre o impacto da IA
A mesa redonda sobre a era da IA reunirá voces procedentes dos ámbitos académico, tecnolóxico, empresarial e sanitario, favorecendo unha visión plural sobre a intelixencia artificial e o seu impacto na sociedade, unha cuestión que está chamada a ter unha influencia crecente no futuro da sociedade. Participan Senén Barro Ameneiro (CiTIUS-Universidade de Santiago de Compostela), Alberto Bugarín Diz (CiTIUS-Universidade de Santiago de Compostela e xunta directiva da AEPIA e da SEPLN), Juan Martínez (director da Área de Desenvolvemento de Plexus Tech), Juan Turnes Vázquez (xefe do Servizo de Aparato Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra) e Belén Xestal Ares (Plexus Tech), que actuará como moderadora da mesa.
Esta actividade, aberta a toda a cidadanía, terá lugar de 11.50 e as 13.30 horas do sábado 5 de setembro no Auditorio de Galicia e centrarase en debater sobre a intelixencia artificial e o seu impacto na sociedade.
Segundo indicaron, “a mesa propón unha reflexión sobre o papel que está a adquirir a intelixencia artificial na sociedade actual e sobre os cambios que pode traer consigo nos próximos anos”. Amais, engadiron, “desde diferentes perspectivas profesionais, abordarase o potencial destas tecnoloxías, as oportunidades que ofrecen e tamén os retos que suscitan para a cidadanía, as empresas, a educación ou ámbitos como o sanitario”.
O debate prestará especial atención á importancia dos datos, a estatística e o pensamento crítico nun contexto no que as ferramentas de intelixencia artificial están cada vez máis presentes na vida cotiá e na toma de decisións.

