
A startup galega Innogando comezou setembro facendo balance dos seus logros desenvolvendo tecnoloxía intelixente para modernizar a gandería, mellorar a calidade de vida dos profesionais do sector e favorecer a substitución xeracional.
Fíxoo (o balance) co gallo da convocatoria de novos financiamentos da Unión Europea, uns fondos da Comisión abeirados á campaña O Orzamento Europeo (Xuntos Máis Fortes) que están a contribuír a impulsar proxectos innovadores en sectores esenciais que afrontan importantes retos de modernización, sustentabilidade e substitución xeracional.
Innogando, firma innovadora nada en 2020 en Abadín (Lugo), xurdiu co obxectivo de converter unha necesidade cotiá dos gandeiros nunha solución tecnolóxica con proxección internacional. Desde 2021, a firma captou máis de 1,54 millóns de euros de financiamento público vinculado a programas e fondos europeos para proxectos de innovación, dixitalización, desenvolvemento rural, intelixencia artificial, sustentabilidade e creación de emprego, o que lle permitiu desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas para o sector gandeiro e consolidarse como un referente de innovación nada no medio rural.
Innovación rural como investimento de futuro

A experiencia da Comisión Europea nestes ámbitos demostra que “as zonas rurais desempeñan un papel esencial para a economía europea e para a seguridade alimentaria, pero afrontan importantes desafíos relacionados coa dixitalización, a substitución xeracional e a sustentabilidade”. Así, indican, “a innovación constitúe unha ferramenta clave para responder a estes retos e fortalecer a competitividade do sector gandeiro”.
Con esa visión Innogando desenvolveu RUMI, un colar intelixente para o gando. A través dunha aplicación móbil, os gandeiros poden coñecer en tempo real a localización dos seus animais, monitorar a súa actividade e detectar comportamentos relevantes para mellorar o seu manexo e benestar.
A tecnoloxía permite coñecer se os animais están a pastar, descansar, pacer ou detectar períodos de celo, facilitando unha xestión máis eficiente das explotacións. O resultado, indican, “é unha mellora da produtividade, unha redución do tempo dedicado a tarefas de vixilancia e unha maior calidade de vida para quen traballa cada día no campo”.
Ademais, a innovación desenvolvida en Galicia xa transcendeu o ámbito local. Segundo lembran, Innogando conta con máis de 25.000 dispositivos activos en España e Portugal, e continúa explorando novos mercados internacionais.
O investimento europeo impulsa empresas innovadoras desde o territorio
Para o equipo responsable desta firma de Abadín, o crecemento de Innogando demostra “como o financiamento europeo pode acompañar todas as etapas do desenvolvemento dunha empresa innovadora”.
Grazas ao apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o Fondo Social Europeo Plus (FSE ), a compañía desenvolveu novas aplicacións baseadas en intelixencia artificial, sistemas de monitoraxe intelixente e solucións de rastrexabilidade dixital para o sector gandeiro.
Porén, indican, o impacto deste investimento “vai moito máis alá do desenvolvemento tecnolóxico”, e, de feito, “tamén contribúe a fixar poboación, atraer talento, crear emprego cualificado e demostrar que é posible innovar, emprender e competir internacionalmente desde pequenas localidades rurais”.
Tecnoloxía para mellorar a calidade de vida de quen vive do campo
O impacto da innovación “enténdese mellor cando se observa no día a día das persoas que traballan no sector gandeiro”, indican. É o caso de Simón Gandeiro, enxeñeiro agrícola e gandeiro de Val do Dubra (A Coruña), quen incorporou os colares intelixentes de Innogando grazas a unha axuda financiada con fondos europeos.
Ata entón, gran parte da súa xornada transcorría percorrendo a explotación para comprobar o estado do gando. Hoxe pode consultar desde o seu teléfono móbil onde se atopa cada animal e coñecer o seu comportamento en tempo real. Esta transformación permite optimizar o traballo diario, reducir desprazamentos innecesarios e dispoñer de máis tempo para conciliar a súa vida profesional e familiar.
“Ao mesmo tempo”, engaden dende Innogando, “ferramentas como RUMI fan que a actividade gandeira resulte máis atractiva para as novas xeracións, favorecendo a substitución xeracional e contribuíndo a que máis novas poidan desenvolver o seu proxecto de vida na contorna rural”. Este tipo de iniciativas contribúen aos obxectivos da estratexia Dereito a Quedarse da Comisión Europea, que busca crear as condicións necesarias para que as persoas poidan elixir permanecer nos seus territorios, xerando oportunidades de emprego, innovación e desenvolvemento sostible nas zonas rurais.

