
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou esta mañá á empresa galega Vig-Sec Drone, tras ser seleccionada para formar parte do programa de aceleración DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic) que impulsa a OTAN.
Vaino facer coa plataforma de xestión e coordinación táctica do espazo aéreo de media e baixa cota denominada Suite ACRE, no marco da fase Mission Track.
Lorenzana, que a pasada semana visitou as instalacións que esta firma pontevedresa ten no municipio de Nigrán, celebrou que a tecnolóxica galega especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software de xestión de espazo aéreo, forme parte dun selecto grupo de 15 empresas a nivel mundial cuxas solucións innovadoras son consideradas de alto valor engadido para os países da que integran a OTAN.

Lembrou que a participación nesta fase da aceleradora tecnolóxica daralles a posibilidade de presentar a súa tecnoloxía aos departamentos de Defensa dos países que integran a Alianza.
Finalmente, a titular de Economía e Industria lembrou o impecable papel xogado por Vig-Sec Drone nas aceleradoras autonómicas BFAero ou ViaGalicia.

