
Os centros educativos públicos galegos contarán cun novo modelo de web corporativo máis sinxelo, funcional e accesible, que se implantará de maneira progresiva a partir deste curso escolar co obxectivo de mellorar o servizo ofrecido aos equipos directivos, profesorado, familias e alumnado. Así o destacou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
O conselleiro presentou a actualización desta ferramenta de comunicación entre os centros e a comunidade educativa, que incorpora diversas melloras tecnolóxicas que se traducen, segundo explicou, en «contidos máis claros e información máis fácil de localizar». «Estas webs son, moitas veces, o primeiro contacto que unha familia ten cun centro educativo», polo que, tras dúas décadas de funcionamento desde a súa posta en marcha en 2006, «cómpre actualizalas e preparalas para as necesidades actuais e futuras dentro do contexto de transformación dixital», sinalou.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, destacou a importancia de que estas webs empreguen solucións de software libre, que permiten garantir a cada centro «un espazo propio e exclusivo, pero integrado e unificado, cun modelo de programación e deseño accesible e doado de manexar polos profesores ou as persoas encargadas da web».
O novo modelo foi deseñado polo Centro de Innovación Educativa da Consellería de Educación en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e céntrase en tres aspectos principais: a seguridade, a utilidade e facilidade de uso para os usuarios e a xestión ordenada e eficiente dos contidos.
A actualización da plataforma antiga permitirá avanzar, no relativo á seguridade, cara a unha contorna dixital máis robusta, fiable e preparada para incorporar futuras evolucións tecnolóxicas.
A nova web tamén estará adaptada para a súa visualización en calquera dispositivo electrónico, desde ordenadores e tabletas ata teléfonos móbiles. «Cada vez consultamos máis información desde un teléfono, polo que é imprescindible que as familias poidan localizar facilmente un aviso, consultar un calendario ou acceder á aula virtual do seu centro», explicou o conselleiro.
O novo modelo tamén facilitará a xestión dos contidos por parte dos equipos directivos e do profesorado, ao reducir a complexidade técnica necesaria para incorporalos e actualizalos. Esta simplificación está aliñada co Plan de redución da burocracia nos centros que está a desenvolver a Consellería.
Estrutura homoxénea e flexible

A nova web corporativa contará cunha estrutura homoxénea, clara e recoñecible para todos os centros educativos, con apartados comúns como un menú principal e accesos directos aos servizos máis empregados (aula virtual, correo, oferta educativa ou programacións didácticas, entre outros).
Tamén incluirá espazos específicos para avisos, destinados a comunicar información importante ou prioritaria de maneira visible; actualidade, para difundir novas e actividades do centro; e calendario, que permitirá consultar datas e eventos relevantes.
O sistema será, ao mesmo tempo, flexible para que cada centro poida manter a súa identidade e dar visibilidade aos seus proxectos, actividades e iniciativas mediante apartados específicos. Establécese así unha arquitectura común que facilite o recoñecemento e o uso das webs, pero «con capacidade para que cada comunidade educativa conte a súa propia realidade», subliñou Román Rodríguez.
Implantación progresiva
A transición das actuais webs ao novo modelo será gradual e realizarase de maneira ordenada e segura. Para iso, crearase un novo espazo cun dominio diferente que coexistirá temporalmente coa web anterior, de modo que a comunicación habitual coa comunidade educativa non se vexa interrompida en ningún momento.
Os centros educativos contarán ademais co apoio do persoal asesor Abalar da súa zona durante o proceso. Este persoal acompañaraos na posta en marcha do novo modelo e ofrecerá orientación sobre a organización dos contidos, a edición e o funcionamento xeral da nova web.

