
A firma galega Sparc Foundry anunciou hoxe o lanzamento de Ardora III-V, a súa nova identidade corporativa para a seguinte fase de desenvolvemento industrial e expansión internacional da compañía. Esta nova marca, indican, “reflicte a nosa evolución estratéxica e a ampliación do noso alcance tecnolóxico ao mercado de semicondutores compostos”.
Tras os seus primeiros anos consolidando as bases tecnolóxicas e industriais do seu proxecto, establecendo alianzas estratéxicas, atraendo investimento e avanzando no desenvolvemento de capacidades avanzadas de fabricación en Vigo, a firma alcanzou unha nova etapa de madurez como empresa industrial e como actor relevante dentro do ecosistema europeo de tecnoloxías III-V.
“Ardora III-V representa esa evolución”, indican, engadindo que “a nova identidade proporciona unha plataforma distintiva, con marxe de evolución e coherente que acompaña o crecemento da compañía nos mercados internacionais, reforza o seu posicionamento estratéxico e condensa en dúas palabras tanto as súas raíces locais como a súa especialización tecnolóxica”.
Francisco Díaz-Otero, director executivo (CEO )de Ardora III-V, presenta este lanzamento como un fito na evolución industrial da compañía: “Ardora III-V é moito máis que unha nova identidade. Reflicte mellor a empresa que somos hoxe e a ambición que hai detrás do que estamos a construír en Vigo. Ardora III-V é unha foundry de semicondutores compostos cunha sólida base tecnolóxica, ambición internacional e a misión de contribuír a un ecosistema europeo de semicondutores máis competitivo, resiliente e con maior autonomía estratéxica”.
O nome Ardora fai referencia ao fenómeno bioluminiscente visible na ría de Vigo e outras rías galegas. A denominación III-V fai referencia á familia de materiais que constitúe a base das capacidades tecnolóxicas da empresa.
Apuntan dende a compañía que “a combinación de ambos os conceptos conecta as nosas raíces galegas coas tecnoloxías que desenvolvemos, ademais de capturar o equilibrio entre identidade local, excelencia tecnolóxica e ambición global”.
A transición a Ardora III-V responde tamén “á necesidade de diferenciar á empresa no mercado global, consolidar o seu posicionamento estratéxico e reflectir a súa evolución cara a unha foundry con vocación industrial”.
A compañía adoptará progresivamente a identidade Ardora III-V na súa páxina web, canles dixitais, dominio de correo electrónico e materiais corporativos a partir do mércores 2 de setembro.

