
O Clúster TIC Galicia organiza unha misión comercial a Colombia na que participan varias empresas socias da organización co obxectivo de buscar novas oportunidades de negocio e seguir impulsando a internacionalización do sector tecnolóxico galego, unha das prioridades estratéxicas do ecosistema.
A delegación, integrada pola propia entidade, Altia, APDTIC, authUSB, Quobis, Redegal e Sg Tech, asiste á 41 edición de Andicom, o congreso tecnolóxico máis importante e influente de Latinoamérica, que se celebra estes días en Cartagena de Indias, e que este ano ten como lema Unleashing The Power of AI.
Ademais de acudir a este evento, as compañías están a manter unha intensa axenda de reunións comerciais e institucionais en Bogotá con diferentes autoridades y organismos como o Ministerio TIC, a Cámara de Comercio de España no país, a Cámara Colombiana de Informática e Telecomunicacións (CCIT), Invest in Bogotá, a Asociación Bancaria e de Entidades Financeiras de Colombia (Asobancaria), ETB e a Federación Colombiana de Software e TI (Fedesoft).
Dende o Clúster informan que “este itinerario responde ás demandas das empresas, como a consultora compostelá APDTIC, que busca abrir novas vías de colaboración con despachos e entidades colombianas que necesiten asesoramento especializado en dereito dixital europeo, especialmente en ámbitos como a privacidade, a IA, a gobernanza do dato, a anonimización, a ciberseguridade e a contratación tecnolóxica”.
“Colombia é un mercado estratéxico polo seu dinamismo tecnolóxico e empresarial e unha porta de entrada para reforzar a nosa presenza en Latinoamérica e establecer alianzas”, sinala André Castelo, sociodirector da firma.
Quobis, situada no Porriño e especializada en comunicacións empresariais seguras, espera reforzar a súa posición no mercado colombiano mediante alianzas con operadores de telecomunicacións, integradores de sistemas e entidades gobernamentais.
Iago Soto, responsable de vendas da empresa, afirma que o obxectivo é “axudar a estas organizacións para modernizar as súas contornas de comunicacións unificadas e centros de contacto mediante a dixitalización de procesos coa súa plataforma Quobis Collaborator, garantindo a máxima seguridade en sectores críticos”. Ademais, queren identificar socios locais que lles permitan implantar as súas solucións de xeito eficiente e con marxe de evolución.
Para a multinacional Redegal, nacida en Ourense, Colombia constitúe un dos mercados prioritarios na súa estratexia de expansión en Latinoamérica. Así o expresa David Lastra, chief revenue officer da compañía, que asegura que a súa aspiración é ter “unha presenza propia, estable e próxima ao mercado”. En Andicom, apunta, presentarán o seu modelo “para productivizar servizos dixitais impulsados por IA, convertendo os datos en decisións”.
Altia, cuxa sede principal está na Coruña, aproveitará a misión para identificar potenciais colaboradores ou opcións de investimento, entre outras cuestións. Jesús María Deza, director de Desenvolvemento Corporativo, sinala que o seu obxectivo é coñecer mellor o mercado de servizos de dixitalización en Colombia, detectar oportunidades no ámbito dos seus Tech Cap e identificar alianzas con socios.
A firma viguesa de ciberseguridade authUSB tamén pretende establecer colaboracións con socios locais, así como participar en proxectos vinculados á protección da información e as infraestruturas críticas. En Andicom presentarán SafeDoor, que permite utilizar dispositivos USB de forma segura: unha solución de borrado certificado de información.
Completa a delegación empresarial Sg Tech, con oficinas na Coruña e presenza en Colombia desde 2022, polo que a súa prioridade é seguir ampliando a súa actividade no país e mostrar en Andicom as súas capacidades en IA, Automatización e Data Governance.
Acceso a mercados globais

Con esta misión, o Clúster TIC Galicia quere reforzar unha das liñas estratéxicas do sector: facilitar o acceso a mercados globais, xerar conexións entre ecosistemas empresariais, favorecer o desenvolvemento de negocio e contribuír a visibilizar as capacidades e experiencia das compañías tecnolóxicas galegas.
A iniciativa, financiada con fondos da Unión Europea no marco de Galicia FEDER 2021-2027, a través do programa de axudas do IGAPE para accións de promoción exterior conxunta, súmase a outras accións que promove a entidade a nivel internacional. Entre elas, a participación o pasado mes de abril en eMerge Americas, en palabras do Clúster “un dos foros internacionais de referencia en innovación, ou a organización de misións inversas, como a que se levará a cabo o próximo mes de outubro en distintas localidades da comunidade”.

