
A creadora de contido Sara Seco participa estes días como representante galega en Plurilingmedia, un encontro internacional dedicado ás linguas minorizadas e á creación dixital que se está celebrando entre os días 3 e 4 de setembro en Barcelona.
Sara Seco é a única participante galega nun programa que reúne creadoras, investigadoras e representantes de organizacións e medios de diferentes comunidades lingüísticas europeas. O encontro celébrase na Sala Mirador do Col·legi d’Arquitectes de Catalunya e está organizado localmente por Carmina Crusafon, da Fundació Accent Obert e a Universitat Autònoma de Barcelona.
“Para min é unha oportunidade moi especial formar parte deste evento como representación galega e poder levar a realidade e a experiencia de crear contido en galego a un espazo europeo no que se está a debater sobre o presente e o futuro das linguas minorizadas nos medios e no ámbito dixital”, explica Sara Seco.
Durante as dúas xornadas, as persoas participantes comparten a situación da creación de contidos nas súas respectivas comunidades lingüísticas, analizan os desafíos comúns aos que se enfrontan e exploran vías de cooperación.
O programa inclúe presentacións, grupos de traballo e debates sobre a relación entre as linguas minorizadas, as políticas públicas e os novos ecosistemas de comunicación.
Entre as iniciativas que se dan a coñecer figuran a Llista, directorio de creadoras e creadores de contido en catalán, e os Premis CRIT, ademais da Casa de la Creació e do ecosistema de contidos dixitais de 3Cat dirixido ao público máis novo.
Para Sara Seco, as plataformas sociais desempeñan un papel decisivo na vitalidade das linguas: “As redes sociais son hoxe un espazo fundamental para a presenza e a normalización das linguas, especialmente entre as xeracións máis novas. Crear contido en galego é tamén demostrar que a nosa lingua pode estar presente de maneira natural en novos formatos, comunidades e espazos de comunicación”.
A cita busca ter actividade futura máis alá destas dúas xornadas. De feito, un dos retos é identificar creadoras e creadores de diferentes comunidades lingüísticas que empregan linguas minorizadas no ámbito dixital e avanzar na creación dunha rede europea que favoreza o intercambio de coñecementos, ferramentas e experiencias.
“Para min é moi interesante formar parte dese proceso e contribuír a que o galego estea presente nesa rede xunto a outras linguas e realidades europeas”, sinala Seco, engadindo que a participación galega abre tamén a posibilidade de establecer novas conexións con persoas, medios, universidades e proxectos que traballan pola diversidade lingüística en distintos territorios de Europa.
“Participar neste encontro permíteme compartir o que estamos facendo desde Galiza, pero tamén coñecer outras realidades lingüísticas, aprender das súas experiencias e establecer pontes con persoas e proxectos que, desde diferentes lugares de Europa, traballan para que a diversidade lingüística tamén teña o seu espazo no mundo dixital”, conclúe Sara Seco.
O workshop forma parte de Plurilingmedia – Language Plurality in Europe’s Changing Media Sphere, unha iniciativa europea orientada ao estudo e á promoción da pluralidade lingüística nun panorama mediático en transformación. No encontro participan representantes de universidades, medios e organizacións como o European Centre for Minority Issues, Cardiff University, University of Warsaw, Universitat Autònoma de Barcelona, Universitat Oberta de Catalunya, University of the Basque Country, Conradh na Gaeilge, Tinopolis Cymru, Afûk ou A Mesa pola Normalización Lingüística.

