
O Pont-Up Store converterá de novo Pontevedra na capital galega do emprendemento entre o 11 e o 12 de setembro, cunha décimo terceira edición que reforza a súa vocación como espazo de conexión entre novas empresas, universidade, investimento, institucións e territorio, segundo constataron dende a organización (o Campus de Pontevedra da UVigo).
A programación foi presentada esta mañá no Concello de Pontevedra coa participación da concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; a vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Marián Fernández Villarino; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego.
Indicaron que o encontro chega á súa nova edición despois de recibir 151 candidaturas, das que foron seleccionados 48 proxectos: 33 ocuparán stands na praza de España, sete desenvolverán actividades demostrativas e oito presentarán os seus modelos de negocio no Pont-Up Venture.
Engadiron que a selección confirma algunhas das tendencias que o Pont-Up vén detectando: o 69 % das iniciativas están lideradas por mulleres e o 47 % proceden do rural ou de pequenas vilas, ao tempo que aumenta a presenza de proxectos tecnolóxicos e de spin-off universitarias.

Pedro Figueroa destacou durante a presentación que estes datos permiten constatar “unha evolución cara a proxectos máis maduros, máis especializados e cunha maior base tecnolóxica, pero tamén unha diversificación territorial moi interesante”. Para o director do Pont-Up, “o reto é conectar ese talento coas ferramentas que necesita para medrar: coñecemento, financiamento, redes, mercado e colaboración. Esa é precisamente a filosofía que atravesa o programa deste ano”.
O Pont-Up inaugura a actividade no novo Centro Maruxa Mallo
Figueroa lembrou que a principal novidade chegará antes da apertura dos stands na praza de España. O programa arrancará o xoves 10 de setembro no novo Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo, onde o Pont-Up Store compartirá o espazo Olga Amoedo Cabrera con EspazoCoop e Culturgal, nunha alianza concibida como punto de encontro arredor do emprendemento, a intercooperación e a innovación.
A sesión servirá para inaugurar a actividade deste espazo coa xornada Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas, inserida na programación do Pont-Up e dirixida a persoas emprendedoras, grupos promotores e cooperativas recentes que combinará formación práctica, presentación de recursos, traballo arredor da proposta de valor e estratexia comercial e networking.
O investimento olla cara ás startups galegas

O venres 11 a actividade trasladarase á praza de España, onde ás 11.30 horas terá lugar a inauguración oficial e posterior visita institucional aos stands. O programa incluirá tamén o Demo-Day INCUVI, no que se presentarán proxectos participantes nos programas de emprendemento da Universidade de Vigo, e un encontro de networking baixo o título Tecendo Comunidade, concibido para favorecer relacións, colaboracións e oportunidades de negocio entre os emprendementos seleccionados.
Un dos momentos centrais volverá ser o Pont-Up Venture, que se celebrará de 17.30 a 19.00 horas na Casa das Campás. Oito novas firmas innovadoras defenderán os seus modelos de negocio ante profesionais do investimento e do venture capital, nun panel no que participan representantes de entidades vinculadas á xestión, análise ou financiamento de vehículos de investimento que no seu conxunto se sitúan arredor dos 100 millóns de euros.
A tarde do venres incorporará ademais unha presentación da nova edición do Culturgal e recuperará, despois da boa acollida da pasada edición, a Consultoría relámpago para a túa web emprendedora, organizada pola Comunidade WordPress Pontevedra. Profesionais do deseño, desenvolvemento, SEO, contidos e experiencia de usuario analizarán webs reais dos emprendementos que o soliciten e ofrecerán recomendacións prácticas para mellorar a súa eficacia comercial.
Da intelixencia artificial ao laboratorio: ferramentas para competir
A programación do sábado permitirá tomar o pulso a algúns dos grandes desafíos aos que se enfrontan actualmente empresas e persoas emprendedoras. AEMPE abrirá a xornada con IA que impulsa, seguridade que protexe, un almorzo-networking centrado en dous asuntos que xa afectan directamente á competitividade dos pequenos negocios: as aplicacións prácticas da intelixencia artificial que poden empregarse sen grandes orzamentos nin equipos técnicos e a protección fronte a fraudes, suplantacións, secuestro de contas ou vulnerabilidades relacionadas cos datos dos clientes.
Transferencia da Universidade ao tecido empresarial
A Universidade de Vigo abordará outro dos eixos que están marcando esta edición: a crecente chegada de empresas de base científica e tecnolóxica grazas á transferencia das investigacións desenvolvidas no ámbito universitario. A sesión Do laboratorio ao mercado: cando o coñecemento se converte en empresa achegará as claves para transformar os resultados dun grupo de investigación nunha spin-off e levar o coñecemento xerado na universidade ao mercado. “Trátase dunha realidade que o propio proceso de selección do Pont-Up confirmou este ano coa presenza de máis proxectos de perfil tecnolóxico e spin-off, froito tamén da colaboración do encontro coas tres universidades galegas e con centros de investigación e innovación”, informaron dende a organización.
Como facer das vilas lugares nos que emprender e vivir
O territorio e as ferramentas para favorecer a creación e consolidación de actividade económica protagonizarán unha mesa redonda organizada pola Xunta de Galicia, que reunirá tres iniciativas complementarias de apoio ao emprendemento. A Dirección Xeral de Comercio presentará Vilas Vivas, un proxecto de dinamización económica e social que toma Ribadavia como territorio de actuación e abre a reflexión sobre o papel do comercio, o emprendemento e as novas actividades económicas na revitalización das vilas. Unha cuestión que conecta directamente cun dos sinais máis claros detectados polo Pont-Up Store nesta convocatoria: practicamente un de cada dous proxectos seleccionados procede do rural ou de pequenas vilas, cun incremento significativo das candidaturas chegadas desde Lugo e Ourense. A mesa permitirá coñecer tamén os servizos que ofrece o IGAPE a través da Oficina Económica de Galicia e o Campus de Emprego Autónomo,
O prezo invisible de emprender
O sábado abrirase ademais unha reflexión menos habitual nos foros empresariais: como condiciona o sistema dos coidados a creación, consolidación e crecemento das empresas lideradas por mulleres. Baixo o título O prezo invisible de emprender. Os coidados como desafío para o liderado empresarial das mulleres, a palestra abordará os custes dos coidados, que continúan recaendo sobre as mulleres e analizará como avanzar cara a modelos que permitan compatibilizalos co desenvolvemento empresarial.
Sete demostracións para probar o emprendemento
Como é habitual, o Pont-Up volverá sacar os produtos e servizos dos stands para que o público poida experimentar directamente con eles. As sete actividades demostrativas inclúen propostas como un espectáculo de Enxame Drones; unha auditoría gratuíta de facturas eléctricas de Forest; elaboración de kombucha con Labre Gando; un escape room sensorial guiado por BeKind; un obradoiro de scrapbooking Dipinto di Blu para aprender a facer un libro con recortes e restos de pequenas cousas; un taller de xoiería de Aurarte; e as actividades musicais e de narración de Bonnie Cooper. A edición rematará o sábado coa entrega de premios, ás 14.10 horas, cunha actuación musical de Bonnie Cooper, e cun novo encontro de Tecendo Comunidade, a rede coa que o Pont-Up busca que as relacións creadas durante o evento continúen máis alá dos dous días de actividade pública.
Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará na súa zona o Té Areeiro, unha marca de té galego producida e investigada na súa Estación Fitopatolóxica ubicada en Areeiro, a través dunha charla sobre o cultivo e a preparación con degustación final.
O Pont-Up Store 2026 está dirixido e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, promovido pola Universidade de Vigo desde o Campus Crea e conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Abanca e a cooperación activa de máis de 50 entidades públicas e privadas vinculadas ao ecosistema emprendedor.

