
Google Translate incorporou dúas novidades para facer máis cómodas as súas traducións de audio en directo, dispoñibles en máis de 70 idiomas.
Os usuarios de Android xa poden manter activa a función de tradución en directo en segundo plano. A medida responde ao feito de que máis dun terzo das sesións superan os cinco minutos e permite continuar coa tradución mentres se utilizan outras aplicacións ou mesmo coa pantalla do teléfono bloqueada. A versión para iOS incorporará esta posibilidade proximamente.
A segunda novidade chega a iOS e permite recibir as traducións directamente a través do auricular integrado do teléfono, unha opción que xa estaba dispoñible en Android. Deste xeito, basta con achegar o móbil ao oído para escoitar a tradución sen necesidade de utilizar auriculares.
A función pode resultar especialmente útil en situacións con ruído ambiental, como anuncios nun aeroporto ou explicacións durante visitas turísticas multitudinarias. Google Translate ofrece traducións de audio case en tempo real en máis de 70 idiomas.
