
A Aula Newton Galicia da Tecnópole de Ourense, a única que existe en España con carácter permanente (e cuxo obxectivo é promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP de toda a comunidade), ofrece ao alumnado a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea.
Para iso cóntase con catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas gocen desta singular experiencia, converténdose en pilotos por un día.
No transcurso de cada sesión, a rapazada debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia -situado na Estrada-, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a través do 112 Galicia. Así, logo de calcular as rutas de voo e de establecer as prioridades da misión, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo, asistidos por un equipo de instrutores cualificados.

A Aula Newton Galicia está a piques de iniciar a súa sexta edición. Os centros educativos galegos xa se poden inscribir de xeito gratuíto na primeira quenda deste novo curso, que comezará en outubro e se desenvolverá ata finais de xaneiro. Deberán facelo a través da páxina web da Aula, onde poden reservar a data que máis lles interese das que estean dispoñibles.
A Aula abrirá os xoves e venres pola mañá, en horario de 10:30 a 13:30 horas, para grupos de entre 24 e 32 alumnos.
Haberá unha segunda quenda entre os meses de febreiro a xuño. No pasado curso participaron nesta experiencia 65 centros educativos de toda a comunidade, cun total de 1872 asistentes.
Material inclusivo
Para o alumnado de cursos superiores -segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos- e para os grupos que xa teñan participado en edicións anteriores, ofrécese “unha proposta máis avanzada” destas sesións, segundo informou a Tecnópole, engadindo que “neste caso, a rapazada terá que realizar cálculos máis complexos, que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatible coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustible necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais”.
Por outro lado, a Aula Newton dispón de materiais didácticos específicos para persoas e colectivos con necesidades especiais, en liña co compromiso de Tecnópole de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, promovendo oportunidades de aprendizaxe para todas e todos”.

