
O Concello de Ames desenvolve hoxe unha nova iniciativa: unha xornada de divulgación tecnolóxica, aprendizaxe e diversión para todos os públicos. O alcalde de Ames, Blas García, achegouse esta mañá ata a Casa da Cultura do Milladoiro para ver como se estaba desenvolvendo da xornada do Día da Tecnoloxía 2026.
O rexedor destacou que “antes do inicio do curso escolar queríamos facer unha xornada para divulgar en materia tecnolóxica”. Engadiu que estamos ante “un evento para todos os públicos no que se realizan diversos obradoiros prácticos arredor de conceptos tecnolóxicos, conferencias e un espazo aberto, que funciona como unha zona de participación libre baseada en xogos, retos e demostracións”.
Catro obradoiros para cativos e adultos
A xornada comezou hoxe ás 9.00 horas co obradoiro Programación con Scratch, que estivo orientado a rapaces e rapazas entre os 7 e os 11 anos de idade e no que se ensinou a crear historias, animacións e pequenos videoxogos. Unha vez finalizado, ás 10.45 comezou o taller con micro:bits, unha introdución á programación e á electrónica mediante placas BBC micro:bit para rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos. A sesión matinal de obradoiros pechouse ás 12.00 horas cun obradoiro de creación de videoxogos, para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas comeza Crea a túa web con WordPress, orientado a persoas de máis de 14 anos e no que se introducirá ao coñecemento básico desta plataforma.
Deseguido, os rapaces e rapazas de entre 5 e 10 anos poderán gozar de Deseño con Canva, aprendendo a crear materiais audiovisuais. Os obradoiros finalizarán ás 18.00 horas con IA práctica para xente normal, unha actividade participativa para maiores de 14 anos que abre as portas á utilización da intelixencia artificial no eido da creación de textos, procura de ideas, organización ou aprendizaxe.
Conferencias para todos os públicos

De xeito simultáneo aos obradoiros, a Casa da Cultura do Milladoiro tamén acolle diversas conferencias en materia tecnolóxica. A primeira delas foi O panorama actual da ciberseguridade, que estivo dirixida a un público infantil e adolescente. Durante 45 minutos, as persoas asistentes coñeceron os principais riscos asociados ao uso de Internet, redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles.
Logo e pechando a sesión matinal, impartiuse Benestar diante da pantalla. Nesta charla, tanto nenos/as como adolescentes reflexionaron sobre a súa relación cos móbiles, videoxogos, redes sociais e outros dispositivos. Tratáronse aspectos como o tempo de uso, as interrupcións constantes, o descanso, as redes sociais ou a importancia de atopar un equilibrio entre a vida dixital e outras actividades.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas repetirase o mesmo relatorio de benestar diante da pantalla, pero orientado a público adulto. Do mesmo xeito que cos rapaces e rapazas, abordaranse cuestións clave sobre a vida en liña, analizando cuestións como a hiperconectividade, as notificacións, a dificultade para desconectar ou o uso das pantallas no eido familiar.
Para rematar coas conferencias, ás 17.15 horas comezará O panorama actual da ciberseguridade. Trátase dunha charla divulgativa orientada ás persoas adultas sobre as principais ameazas da ciberseguridade ás que se enfrontan actualmente os usuarios, como os fraudes por correo electrónico, SMS ou mensaxería; roubo de contas; suplantación de identidade, etc.
Espazo aberto
O Concello de Ames indicou que “o espazo aberto é unha zona dinámica e participativa con actividades curtas, xogos, retos e demostracións, con propostas pensadas para realizarse cun ordenador e proxector ou cos propios teléfonos móbiles das persoas participantes, permitindo incorporarse ás actividades de maneira aberta e flexible durante toda a xornada”.
Deste xeito, pola mañá foron realizándose, en orde cronolóxica e cunha duración aproximada dunha hora, as seguintes actividades: Punto de atención a tramitacións en liña; IA e produtividade: pero con cabeza; Kahoot sobre cultura dixital entre diferentes xeracións; Accesibilidade e tecnoloxía; e Retos antes de Google: resolver problemas con e sen pantallas.
Xa pola tarde, as actividades deste espazo aberto irán dirixidas á carreira de coches. Esta será unha actividade dividida en dúas partes. A primeira dará comezo ás 16.00 horas, cunha clasificación inicial, na que as persoas participantes realizarán unha proba de condución nun videoxogo de carreiras. Cada participante intentará conseguir o mellor tempo nun mesmo circuíto, creando unha clasificación.
Os mellores tempos conseguirán o pase á segunda fase, que é a gran final. Ás 18.00 horas, os participantes que conseguiron clasificarse mediranse nunha competición baseada en fases eliminatorias previas, semifinais e unha gran carreira final. Toda a estrutura descrita estará supeditada ao número de participantes. O gañador levará un volante T80 Ferrari 488 GTB Edition, para poder utilizar cos xogos de condución que admiten mandos e volantes nas súas respectivas plataformas.

