
Galicia celebrará en decembro o I Congreso Nacional de Innovación Local, unha iniciativa pioneira para impulsar a I+G+i no ámbito municipal. O evento, organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), desenvolverase os vindeiros 3 e 4 de decembro en Santiago de Compostela.
Segundo explicou a Xunta, este congreso ten como “obxectivo recoñecer iniciativas innovadoras levadas a cabo en municipios de toda España”.
O congreso, que reunirá en Galicia a representantes das administracións locais de toda España, persegue pois “ser un punto de encontro para o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas entre entidades locais.” Para este reto contarase coa participación de expertos en innovación local do ámbito nacional.
No marco deste congreso, a Xunta de Galicia convocará tamén o Premio á Innovación Local, con tres categorías en función do tamaño do concello (ata 10.000 habitantes, de entre 10.000-50.000 habitantes e de máis de 50.000 habitantes). O galardón persegue recoñecer iniciativas innovadoras levadas a cabo por entidades locais. O prazo de presentación de candidaturas remata o 5 de outubro e o acto de entrega terá lugar no marco do congreso de decembro. Tanto a información do premio como o formulario de inscripción poderá consultarse na web da Axencia.
Reunións para a elaboración do Plan local de I+D+i

O Goberno galego aposta por levar a innovación a todo o territorio como mecanismo de mellora social, económica e territorial. Para que as entidades municipais poidan levar a cabo a súa propia estratexia en innovación, a Xunta facilitará un Plan local de I+D+i marco que sirva como modelo. Tamén haberá formación específica en innovación para persoal dos entes municipais. Neste marco, a finais deste mes celebraranse as primeiras sesións de traballo para facilitar a elaboración do Plan local de I+D+i. Estas xornadas, unha por provincia, están dirixidas a persoal dos concellos galegos, universidades, centros tecnolóxicos, empresas e organismos de investigación.
As sesións de traballo comezarán o 22 de setembro en Pontevedra; ao día seguinte, 23 de setembro, terá lugar en Ourense; o 24 de setembro celebrarase en Lugo e, finalmente, o 25 de setembro terá lugar na Coruña. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse en liña.

