
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña e a Escola Municipal de Música da Coruña (EMM) uniron música, ciencia e creatividade na gravación do novo vídeo-clip de Starband, grupo formado por alumnado da Escola e gañador da primeira edición do Torre67 Fest, o concurso de música moderna organizado pola EMM en marzo de 2025.
A formación, integrada por Adriana Varela, Gabriel Crego, Lola de la Iglesia, Pablo Raso, Teresa Román, Uxía Díaz e Vera Arias participou na primeira edición do certame coa súa versión de Starman, de David Bowie.
A devandita foi a primeira canción que o grupo ensaiou conxuntamente, dando orixe ao nome de Starband, e tamén ao tema co que conseguiu o primeiro premio no Torre67 Fest. Como recoñecemento, a banda obtivo a gravación dun vídeo-clip e, ademais, representou á área de música moderna na Gala da EMM celebrada en abril de 2025 no Teatro Colón.
Para a gravación, o CITEEC converteuse “nun escenario singular para a música”, en palabras da UDC.
Deste xeito, os Túneles de Vento, a Dársena de Portos e Costas, o Laboratorio de Construción e o Laboratorio de Hidráulica forman parte das localizacións empregadas no vídeo, que aproveita estes espazos e os seus equipamentos para crear diferentes ambientes e efectos visuais.
O traballo audiovisual foi producido por Álvaro Díaz, responsable da gravación e da montaxe.
A UDC explicou que a colaboración “supón un encontro entre dous ámbitos diferentes, pero con puntos en común: a experimentación, a creatividade e a vontade de buscar novas formas de facer e comunicar”.

