
A semana vindeira celebrarase unha nova actividade transformadora do Coworking Dixital Compostela (Cámara de Comercio de Santiago). Estamos a falar da sesión formativa Aprende a usar a IA para xerar contido nas túas redes sociais, web e publicidade dixital. Desenvolverase do martes 15 de setembro ao xoves 17, en horario de 10.00 a 12.00 horas.
O obxectivo é axudar ás persoas asistentes a achegar os contados básicos para que poidan utilizar a IA como ferramenta de traballo nos seus contidos dixitais.
Tocaranse a nivel práctico os seguintes conceptos (entre outros): que é a IA e como funciona; que son os LLM (Large Language Models); como podemos falar cunha IA (como crear un bo prompt para non perdernos nun ciclo eterno de correccións e fallos); que lle podemos pedir a unha IA (e que é mellor non pedirlle); comparativa de servizos xerais (ChatGPT, Google Gemini, DeepSeek, Claude, Perplexity, Mistral, Grok, Meta AI); ferramentas de deseño gráfico, imaxe e vídeo con IA integrada: Canva e Freepik; creación e edición de imaxes con IA (como crear imaxes desde un texto, modificar imaxes xa existentes ou integrar distintos elementos nunha soa imaxe); creación de vídeo con IA; creación de presentacións con IA e avatares virtuais que parecen persoas reais (HeyGen e Synthesia) e creación de música, voz e efectos de son con IA.
Tamén haberá un obradoiro práctico de uso de Google Gemini para deseñar unha campaña de publicidade dixital para unha peme en tres mercados (España, Francia e Portugal), tanto a estratexia da campaña como o contido dos anuncios (textos, imaxes e vídeos).
O curso será impartido por Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en marketing dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 En Punto.
Trátase dun curso para emprendedores, autónomos e pemes que queiran ter máis coñecementos sobre o xeito de xerar contidos e utilizar a publicidade dixital para captar clientes.

