
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra mañá mércores, 9 de setembro, o ingreso da lingüista computacional Maite Taboada como académica correspondente da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. O acto terá lugar no compostelán Pazo de San Roque, ás 18:30 horas, e estará aberto ao público.
A experta pronunciará o seu discurso co título A lingüística éo todo: ciencia, tecnoloxía, humanidades e ciencias sociais. O encargado de realizar a laudatio será o académico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e director do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago).
O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luís León; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, María de los Ángeles Peña; a directora da Escola de Enfermaría de Ourense, Milagros Fernández; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Dirixe o Laboratorio de Procesamento do Discurso da Universidade Simon Fraser de Vancouver.
A homenaxeada

María Teresa Taboada Gómez (Madrid, 1970), de pais lucenses, é doutora en Lingüística Inglesa pola Universidad Complutense de Madrid. Na actualidade é catedrática distinguida de Lingüística na Universidade Simon Fraser de Vancouver (Canadá), da que foi vicedecana de Investigación da facultade de Artes e Ciencias Sociais. Na universidade canadense é profesora adxunta no Programa de Ciencia Cognitiva do departamento de Informática e directora do Laboratorio de Procesamento do Discurso. Desde o ano 2022 é Fellow of the Royal Society of Canada, a maior distinción académica que se outorga no país.
Desenvolveu a súa traxectoria académica principalmente en Canadá, onde chegou en 1997 tras un mestrado na Carnegie Mellon University (EEUU). Con todo, mantivo unha relación continuada con moitos grupos de investigación en España e Galicia, participando en proxectos de investigación coa Universidade de Santiago desde 2002, con importantes resultados e publicacións en revistas científicas de prestixio. Nesta liña, está a piques de iniciar un proxecto no que se propón un sistema de aprendizaxe do inglés baseado en intelixencia artificial. Desde 2020 é membro da Comisión Científica Externa do CiTIUS.
Estuda a desinformación e as noticias falsas
A súa investigación atópase na intersección da análise do discurso e a lingüística computacional. Dentro da análise do discurso, o seu traballo céntrase nos mecanismos de coherencia. No ámbito da lingüística computacional, desenvolve métodos e algoritmos que incorporan a estrutura discursiva en diferentes aplicacións, especialmente dentro da análise do sentimento e a opinión. A súa investigación é interdisciplinar, na fronteira entre os campos teóricos e aplicados, situándose entre as ciencias sociais e a enxeñaría.
Entre os seus proxectos máis recentes destaca a análise dos comentarios en Internet, co obxectivo de desenvolver unha plataforma que permita moderalos. Traballa así mesmo nun estudo sobre a desinformación e as noticias falsas, aplicando técnicas de clasificación de textos co obxectivo de poder distinguir noticias verídicas de loias (bulos).
No Laboratorio de Procesamento do Discurso da Universidade Simon Fraser de Vancouver desenvolveu o Gender Gap Tracker, unha ferramenta que mide en tempo real a proporción de homes e mulleres citados nas noticias dos medios de comunicación canadenses. Búscase así evidenciar a histórica subrepresentación das mulleres no discurso público e fomentar que os medios inclúan unha maior diversidade. Esta ferramenta conta cunha versión en castelán chamada GeMeCo – Visualización das fendas de xénero nos medios de comunicación.

