
O portal Proxector, especial de divulgación en lingua galega promovido polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), regresa este mes de setembro cunha nova escolma de audiovisuais dedicada á xestión forestal como ferramenta para previr os incendios e favorecer un aproveitamento sustentable do territorio.
Baixo o título Xestión forestal. A ciencia que evita o desastre, o especial reúne unha ducia de vídeos que permiten coñecer mellor a ciencia dos incendios forestais e achegarse ás solucións desde diferentes perspectivas. Segundo informan a USC e o CCG, “a proposta parte dun contexto marcado por vagas de calor máis intensas, secas prolongadas e incendios cada vez máis rápidos e difíciles de controlar, e pon o foco na necesidade de actuar sobre o territorio antes de que aparezan as lapas”.
A escolma percorre cuestións como a ciencia dos incendios, a historia e os usos dos montes galegos, os sistemas agroforestais, a silvicultura, o aproveitamento dos recursos forestais e os servizos ecosistémicos dos montes. Tamén aborda o papel dos montes veciñais en man común, a certificación forestal, os mercados de carbono e diferentes experiencias de innovación e dinamización económica vinculadas ao monte.
Entre os contidos inclúense entrevistas a especialistas e pezas de divulgación científica, documentais e vídeos didácticos procedentes de iniciativas da USC, da Asociación Forestal de Galicia e doutras entidades, que ofrecen unha visión ampla dun territorio no que a superficie forestal ocupa arredor de dous terzos da extensión galega.
O portal Proxector é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que están xa ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

