
A consultora Vitae, referente galega e estatal en formación avanzada (e permanentemente actualizada) para o sector tecnolóxico, organiza en outubro a segunda edición dun curso directamente encamiñado a mellorar a competitividade das empresas. Trátase do curso Do marketing ás vendas: como xerar negocio B2B. Terá 12 horas de duración e celebrarase os días 13, 15, 20 e 22 de outubro.
O curso celebrarase en formato de aula en iña, con sesións gravadas para poder ser consultadas de forma ilimitada unha vez rematadas as actividades puramente formativas.

Dende Vitae salientan a importancia desta formación para atraer compradores e xerar seguridade: “A mercadotecnia e as vendas B2B responden a unha lóxica distinta da do B2C. Nestas contornas non se compra por impulso, senón para resolver problemas concretos de negocio, reducir risco e tomar decisións en procesos onde adoitan intervir varias persoas. Por iso, xerar negocio en B2B esixe algo máis que accións illadas de marketing, esixe construír un sistema capaz de atraer demanda cualificada, xerar confianza, aliñar mercadotecnia, vendas e o resto da compañía, e converter a actividade comercial en oportunidades reais”, salientan dende a consultora galega.
Polo tanto, engaden, “este curso ofrece unha visión clara, práctica e orientada a negocio sobre como funciona realmente a mercadotecnia dixital B2B”.
Ao longo do programa abordaranse os elementos clave para entender a compra B2B, definir unha estratexia comercial e de marketing máis eficaz, mellorar a xeración de demanda e reforzar a conexión entre marketing, vendas, procesos, datos e ferramentas”.
A IA traballarase de forma transversal durante todo o curso como apoio para “mellorar análise, investigación, produtividade, contidos e execución”, sinalan dende Vitae.
Obxectivos
- Entender por que o marketing e as vendas B2B son distintos do B2C e que implicacións ten iso na xeración de negocio.
- Comprender como funciona a compra B2B: problema, risco, confianza, credibilidade, proceso e decisión.
- Achegar un marco práctico para construír ou mellorar un sistema de xeración de negocio en empresas B2B.
- Identificar os elementos clave para aliñar marketing e vendas ao redor de oportunidades reais.
- Mellorar o criterio para definir proposta de valor, foco comercial, mensaxes, canles e accións de captación.
- Entender como combinar estratexia, persoas, procesos, datos e ferramentas para construír unha maquinaria comercial máis eficaz.
- Incorporar a IA de forma útil e transversal en procesos de mercadotecnia e vendas B2B.
Persoas destinatarias
O curso está orientado a perfís con responsabilidade na xeración de negocio na súa organización; profesionais con responsabilidade sobre mercadotecnia, vendas ou desenvolvemento de negocio que necesiten unha visión máis estruturada da contorna B2B; directivos e perfís de desenvolvemento de negocio que queiran entender mellor por que as súas accións de marketing non están a xerar negocio; directores e responsables de marketing de empresas B2B; e directores e responsables comerciais ou de vendas de empresas B2B.
Daniel Cerqueiro: formador

O formador será Daniel Cerqueiro, doutor e Licenciado en Físicas pola Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela. Daniel é un profesional cunha traxectoria de máis de 20 anos en mercadotecnia, vendas e desenvolvemento de negocio en contornas B2B, con especial profundidade en compañías tecnolóxicas e modelos SaaS.
Durante preto de nove anos exerceu como CMO de Docuten, compañía tecnolóxica especializada en solucións de dixitalización empresarial, liderando a construción e evolución do sistema de mercadotecnia e xeración de demanda. A súa experiencia combina visión estratéxica e execución real en ámbitos como posicionamento, proposta de valor, segmentación, xeración de leads, aliñación marketing-vendas, desenvolvemento de equipos e crecemento comercial.
Ao longo da súa traxectoria traballou cunha orientación claramente conectada a negocio, entendendo o marketing B2B como unha panca integrada dentro do sistema comercial da empresa e non como unha función illada.
Daniel é profesor asociado no Máster de Marketing Digital da Universidade de Santiago de Compostela, profesor asociado no Máster en Dirección e Xestión de Persoas da ERLAC, profesor asociado no Máster en Innovación e Estratexia da UDC e relator nos programas da Fundación Gas Natural (actual Fundación Naturgy). Ademais, asesorou a organismos e empresas como o Concello da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela, Hifas da Terra, Netex, Abertal, Docuten…

