
A firma galega Visual Trans, empresa especializada en desenvolver solucións de software específico para o sector transitario e loxístico, acaba de anunciar un ambicioso plan de investimento de 1,5 millóns de euros en intelixencia artificial para os vindeiros tres anos.
Carlos Pérez, director financeiro da corporación explicou que “o obxectivo da compañía, con sede en Vigo e capital 100% nacional, é acelerar a dixitalización e a eficiencia operativa de transitarios, axentes de aduanas e operadores loxísticos nunha contorna global de alta esixencia regulamentaria”. Mediante esta inxección financeira Visual Trans busca tamén potenciar a súa expansión internacional, onde xa rexistra presenza en máis de 25 países.
Pérez engade que a estratexia de Visual Trans non se enfoca en desenvolvemento experimental, senón “no escalado de solucións en produción que xa reportan tracción e métricas reais de negocio”.
Indica ademais, que o investimento “alcanza tamén a capa de experiencia de cliente”. Visual Trans xa está a implantar axentes de IA conversacional na súa súa web, onde atenden as consultas iniciais, identifican a necesidade real do visitante. Estes axentes chegarán de forma progresiva a todas as áreas nas que acheguen valor, con foco prioritario no soporte a clientes e a resolución de dúbidas funcionais sobre o sistema, con “dispoñibilidade 24/7, capacidade multicanle e multiidioma e rastrexabilidade completa de cada interacción”, sinalaron fontes de Visual Trans, engadindo que “os axentes operan baixo os mesmos estándares de cumprimento normativo, residencia europea do dato e protección da información que rexen o resto do plan estratéxico”.
Tracción comercial e impacto na conta de resultados

Na actualidade, máis de 5.000 usuarios operan acotío coas solucións loxísticas globais de Visual Trans. Entre os desenvolvementos máis recentes baseados en IA destaca Tariff Code, unha solución especializada na clasificación arancelaria automatizada. Así mesmo, a tecnolóxica despregou axentes de IA orientados ao back office loxístico. Estas ferramentas “permiten a automatización de facturas de provedores e a xeración de dossieres aduaneiros complexos, logrando unha redución de custos operativos de ata o 80% en tempo dedicado a tarefas manuais e repetitivas”, informaron dende a empresa viguesa, apuntando que “esta optimización mitiga o risco de erro humano e axiliza o estafe-to-market na cadea de subministración”.
Investimento con criterios de cumprimento normativo
Desde a dirección de Visual Trans destacan o valor da estabilidade tecnolóxica no sector corporativo: “Que máis de 2.000 usuarios traballen cada día coas nosas solucións aduaneiras é a mellor proba da solidez do noso modelo. Este investimento de 1,5 millóns de euros é unha mensaxe de tranquilidade e visión a longo prazo para o mercado; aseguramos aos nosos clientes que dispoñen dun socio co músculo financeiro necesario para liderar a vangarda tecnolóxica sen necesidade de buscar alternativas”.
A folla de roteiro da compañía para os próximos 36 meses contempla a integración progresiva de capacidades de IA en todo o seu catálogo de servizos de xestión. O plan estratéxico executarase baixo estritos estándares de cumprimento normativo, rastrexabilidade e integridade da información, factores críticos para os importadores e exportadores no actual marco aduaneiro internacional.
