
Vida en rede, a primeira novela de Ana Rodicio Vila, saíu á venda este mes de setembro da man de Galaxia. Ilustrada por Alba Chan, a obra aborda a relación dos máis novos coas pantallas, os videoxogos e as redes sociais, así como a influencia que teñen no seu día a día e nas relacións familiares e sociais.
A historia está protagonizada por Serxio, un rapaz ao que non lle gusta posar para as redes sociais da súa nai nin que seu pai pase as noites xogando co móbil en vez de botar con el unhas canastras. Tampouco lle gusta que os seus compañeiros de clase estean todo o día a fachendear entre eles. Porén, cando ten unha ponte no colexio, o que máis desexa é chegar á casa para mergullarse no seu videoxogo preferido.
Inmerso na partida, Serxio pouco pode imaxinar que a súa tarde vai acabar converténdose nun «nubeiro de emocións e contratempos» que o poñerán a proba. A partir desta situación, a novela explora diferentes aspectos da relación coa tecnoloxía e o papel que ocupan as pantallas na vida cotiá.
A obra non presenta a tecnoloxía como un elemento negativo, senón que propón reflexionar sobre cuestións como o tempo compartido, os vínculos familiares e as experiencias que se producen máis alá do móbil, das redes sociais ou dos videoxogos.
Ana Rodicio Vila é mestra de Educación Primaria e licenciada en Psicopedagoxía, e a súa experiencia cotiá co alumnado constitúe unha das fontes de inspiración para a novela. Alba Chan, pola súa parte, é ilustradora, debuxante de cómics e creadora de contidos, con formación en ilustración e banda deseñada en O Garaxe Hermético.
Editada na colección Árbore de Galaxia, Vida en rede conta con 188 páxinas, formato de rústica e un prezo de 15 euros. A primeira edición publicouse o 1 de setembro.
