
A 1ª Edición da Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC inaugurábase esta mañá na Zona Franca de Vigo, co fin de promover o emprego tecnolóxico na área viguesa e lanzar novos proxectos para sectores fundamentais da economía, promovendo o progreso do sector TIC a través da innovación, a transformación dixital e o desenvolvemento de propostas pioneiras.
Este proxecto, liderado polo Consorcio xunto con Gradiant e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirregional de España FEDER 2021-2027 e da iniciativa Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa, impulsada pola Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio de España.
Ao acto de inauguración Welcome Day acudiron: o delegado de Zona Franca, David Regades, o presidente da Cámara, José García Costas, o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez, o director xeral de INCYDE, Javier Collado e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A xornada contou coa participación dos equipos dos 30 proxectos seleccionados para esta 1ª edición que, a partir de hoxe, traballarán nun programa intensivo de incubación de 6 meses, que serán guiados e acompañados no seu proceso de desenvolvemento, validación e chegada ao mercado.

Os proxectos participantes coñeceron polo miúdo o programa de incubación, os seus contidos e as axendas de traballo previstas para os vindeiros meses. Durante a sesión presentáronse tamén os titores e mentores tecnolóxicos que acompañarán aos equipos ao longo de todo o proceso. De momento, o programa desenvolverase no Parque de Zona Franca en Bouzas, localización temporal ata que finalicen as obras de López Moura. O obxectivo é validar as súas hipóteses de partida no menor tempo e custo posibles, permitindo a súa transformación definitiva en proxectos sólidos. Terán acceso a titorización tecnolóxica personalizada, obradoiros prácticos, xuntanzas individuais con expertos tecnolóxicos e acceso ás infraestruturas e equipamentos de startTIC.
A intelixencia artificial é a tecnoloxía predominante, con presenza en 8 de cada 10 iniciativas seleccionadas, que aplican distintas modalidades, desde IA xenerativa ata axentes autónomos. Asemade, un 20 % dos proxectos apostan por tecnoloxías vinculadas á ciberseguridade e a soberanía do dato, con solucións orientadas desde a protección de infraestruturas críticas ata a detección de deepfakes. O mapa tecnolóxico complétase con iniciativas baseadas na Internet das Cousas (IoT), robótica máis edge computing.
Os proxectos seleccionados expoñen aplicacións en sectores estratéxicos para a economía. Outro 20% desenvolve solucións de intelixencia artificial e sensórica aplicables ao eido marítimo, desde a pesca e a acuicultura ata as comunicacións portuarias. Tamén teñen presenza as propostas vinculadas á automoción e a mobilidade conectada, así como proxectos dirixidos ao medio rural, con solucións de dixitalización agrícola e de prevención de incendios forestais.
O encontro concluíu cun espazo de networking entre participantes, responsables do programa, titores, mentores e representantes das entidades impulsoras.

